Os concellos da Capela, Cerdido, Moeche, Neda, San Sadurniño e Valdoviño non abrirán este verán as súas piscinas municipais nin para baños libres nin para o desenvolvemento doutras actividades. Así se informa nun comunicado conxunto emitido esta mañá polos seis municipios, que aluden ás dificultades para cumprir os protocolos de prevención estatais e autonómicos, pero tamén para regular os aforos e garantir o cumprimento do distanciamento social dentro das instalacións. No comunicado -que adoptará forma de bando en todos os concellos- tamén se sinala como inconveniente que a aplicación das medidas hixiénicas suporía un obstáculo para o normal funcionamento e desfrute das piscinas públicas.

COMUNICADO

OS CONCELLOS DA CAPELA, CERDIDO, MOECHE, NEDA, SAN SADURNIÑO E VALDOVIÑO ACORDAN CONXUNTAMENTE NON ABRIR AS INSTALACIÓNS DAS PISCINAS MUNICIPAIS PARA GARANTIR A SEGURIDADE DAS PERSOAS USUARIAS

O cumprimento dos protocolos e normas establecidas pola Xunta de Galicia e o Ministerio de Sanidade  fai case imposible  abrir as piscinas municipais  de forma que os concellos poidan ofrecer todas as garantías sanitarias necesarias para a seguridade da veciñanza.

A Capela, Cerdido,Moeche, Neda, San Sadurniño e Valdoviño, comunican a súa decisión de non  abrir as piscinas municipais este verán dadas as circunstancias xeradas pola  pandemia da COVID 19. Os representantes municipais adoptan este acordo tras analizaren  entre todos o contido dos protocolos  redactados polo Ministerio de Sanidade e a normativa  aprobada pola Xunta de Galicia, documentos nos que se establecen unhas condicións que os concellos  dificilmente poden asumir nin tampouco garantir  o seu cumprimento.

Nesta decisión tomada de xeito conxunto polos diferentes concellos  déuselle prioridade á seguridade da veciñanza que acuda ás piscinas municipais, pero tamén se tivo en conta a imposibilidade de que  estas instalacións de lecer cumpran o seu obxectivo fundamental no verán, como é que as persoas poidan  gozar dun momento de tranquilidade. Neste sentido, a aplicación das medidas preventivas interrompería o uso das instalacións varias veces na xornada polos continuos labores de desinfección e limpeza, que se terían que levar a cabo obrigatoriamente, así como polas restricións de uso doutras dependencias imprescindibles, como aseos, duchas e vestiarios.  Valorouse tamén o prexuízo que causan as continuas achegas de auga e cloración  que se deberán facer e o uso permanente de desinfectantes.

O conxunto da normativa establecida polas Administracións parte de que os riscos asociados á COVID 19 están relacionados coa interacción entre persoas que acoden ás zonas de baño e, polo tanto, é  fundamental garantir o distanciamento social,  a desinfección e limpeza varias veces ao día de todos os elementos, limitar o tempo de permanencia das persoas usuarias e o aforo. De abriren as instalacións, os concellos deberían aplicar con rigor as medidas establecidas, o que imposibilitaría o acceso do habitual  número de veciñas e veciños  e,  os que puidesen, terían que observar as normas restritivas de uso por mor da Covid 19.

Os alcaldes e alcaldesa.
Manuel Meizoso López (A Capela),  Benigno Galego Castro (Cerdido), Beatriz Bascoy Maceiras (Moeche), Ángel Alvariño Saavedra (Neda),  Secundino García Casal (San Sadurniño) e Alberto González Fernández (Valdoviño).