Aquaphon A-200. Ese é o nome do novo aparello que acaban de mercar o Concello de Moeche e o de San Sadurniño para axilizar a detección de posibles fugas nas súas respectivas redes de subministración de auga potable. O dispositivo funciona cun sistema de micrófonos ultrasensibles que poden dar co punto exacto onde hai unha rotura, aínda que estea a varios metros de profundidade. O investimento total neste equipamento ascende a case 5.800 euros. Atendendo a criterios de poboación, San Sadurniño asumirá un custe de 4.000 euros mentres que a contía restante será sufragada por Moeche. A merca do dispositivo electrónico supón un novo capítulo da estreita colaboración que manteñen os dous municipios desde 2016, que se materializou anteriormente nun proxecto conxunto de limpeza de cunetas ou na ampliación a Moeche dos servizos que presta a Aula CeMIT de San Sadurniño.

O Aquaphon A-200 é un xeófono, é dicir, unha máquina que converte nun sinal eléctrico interpretable as vibracións que se producen debaixo da terra. Neste caso o dispositivo está calibrado para descubrir fugas en conducións de auga. Funciona cun principio sinxelo: a auga que escapa por unha fuga provoca vibracións no material da tubaxe. Estas vibracións transfírense á rede e poden rexistrarse como un sonido estrutural incluso en puntos alonxados -medidores, válvulas, hidrantes, etc.-, pero tamén chegan á superficie a través do chan, aínda que moi atenuadas.

O xeófono converte esas vibracións en son audible polo oído humano e, ademais, rexistra o volume e o espectro das frecuencias podendo discriminar aquelas producidas por outras causas, como por exemplo o paso de vehículos por unha estrada. Con esta ferramenta de alta tecnoloxía é moi doado dar co punto preciso onde  hai unha rotura ou unha fenda pola que se está perdendo auga.

“Os únicos indicadores que tiñamos ata agora para atopar unha avaría eran as perdas de presión e caudal e as humidades que, con sorte, podían verse a simple vista. Aínda así, para encontrar o lugar exacto había que andar facendo buratos e catas aquí e acolá ata dar con el. Co xeófono a cousa axilízase moito, só con escoitar podemos ir aproximándonos rapidamente á avaría e saber con certeza onde está antes de empezar a cavar. Vaise a tiro fixo, e iso aforra moito tempo e diñeiro”, explica o alcalde de San Sadurniño, Secundino García.

O persoal municipal do concello veciño xa recibiu a formación sobre o funcionamento do dispositivo e dentro duns días tocaralle ao de Moeche. Os dous municipios xestionan directamente as súas propias redes de abastecemento de auga potable e acordaron mercar conxuntamente o xeófono. Segundo asegura a alcaldesa, Beatriz Bascoy, trátase dun aparello “moi útil pero tamén relativamente caro” que, segundo Bascoy, “non se vai empregar todos os días”. A viabilidade dun uso compartido foi unha das razóns que levou aos dous concellos a compartir o gasto. “Decidimos mercalo entre os dous concellos como maneira de optimizar recursos e dotarnos dunha ferramenta que nos permitirá mellorar a calidade do servizo reducindo ao mínimo os tempos de interrupción no caso de avarías”, comenta a rexedora local.

A factura do equipamento e dos seus accesorios -cascos, pica, micrófono, maletín e bastón de inspección- ascendeu a 5.782,11 euros, ive incluído, que será asumida en case un 70% por San Sadurniño -4.032 €- e nun 30% -os 1.750 € restantes- por Moeche, a través dun convenio entre as dúas administracións locais. A relación destes importes acordouse atendendo principalmente a criterios de poboación.

Este non é o único exemplo de colaboración intermunicipal entre Moeche e San Sadurniño. En 2016 os dous concellos acordaron compartir os servizos de alfabetización dixital facilitados pola Aula CeMIT de San Sadurniño e entre ese ano e 2017 tamén levaron a cabo conxuntamente un programa de limpeza de cunetas por medio da xestión común dun programa de emprego acollido ao APROL Rural da Xunta de Galicia. Ademais, os dous municipios estudan agora a posibilidade de executar man a man a reparación de pistas limítrofes entrambos territorios.