Moeche foi elixido, xunto cos concellos de Poio, Verín e Viveiro, para plasmar unha das catro obras gañadoras do Concurso de Murais ‘People & Planet’ que buscan promover a protección do recurso hídrico. As propostas de Mikel Erkiaga, Isa Bermúdez, Noé Peiró e Raúl del Carmen resultaron ser as que mellor ilustran o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 6, que chama a “garantir a dispoñibilidade de auga e a súa xestión sustentable e o saneamento para todas as persoas” e foron premiadas cunha viaxe sostible a Cabo Verde.

Mikel Erkiaga gañou co seu bosquexo ‘O importante’ e achegouse a Moeche esta semana para plasmar a súa proposta nunha das naves municipais situadas no recinto feiral de San Ramón. O autor convida co seu deseño a reflexionar sobre a necesidade de protexer a auga potable para asegurar a supervivencia dos seres vivos e consumila de xeito racional. A proposta fracciónase en diferentes pantallas que aproveitan a estrutura da parede para xogar co espazo dentro/fóra a través do contraste entre cores frías e cálidas, todo cun trazo moi persoal.

O artista foi recibido o luns á súa chegada a Moeche por Carmen Novas Ferradás, técnica do Fondo Galego de Cooperación, e por Cristina García Rey, concelleira de Desenvolvemento Local, e esa mesma tarde comezou a traballar. Durante a semana, ao tempo que avanzaba o traballo, atendeu a visita dunha parte da rapazada do campamento Sementeira e tamén da veciñanza que se achegaba intrigada por coñecer os detalles do deseño. Na mañá de onte, xoves 22, rematou os últimos detalles e deu por finalizada a experiencia coa que, segundo lle trasladou a representantes do concello, estaba moi satisfeito e feliz de poder coñecer novos lugares a través do muralismo.