O castelo de Moeche reabriu este mediodía as portas do Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas despois de cinco meses de traballos para facer distintas melloras no recinto e, sobre todo, para renovar e ampliar todos os seus contidos expositivos cun novo enfoque histórico. O acto de inauguración da mostra estivo presidido pola alcaldesa, Beatriz Bascoy, canda o vicepresidente e responsable de Turismo da Deputación, Xosé Regueira, acompañados ambos por membros da Corporación municipal, por representantes de entidades do territorio e tamén polo presidente da Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal, Pablo Moreda, xa que o futuro xeoparque terá no castelo un dos seus centros de recepción de visitantes.

A reformulación museística do Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas foi precedida dun profundo traballo de investigación e de recompilación documental, principalmente do coñecido como “Preito Tabera-Fonseca” que recolle as declaracións de polo menos 183 persoas que foron testemuñas dos sucesos ocorridos en toda Galicia entre 1467 e 1469.

Partindo desta e doutras fontes compúxose un itinerario moi visual que se percorreu no arranque do acto guiado por Manuel Rial, da empresa Trivium Estratexias en Cultura e Turismo S.L., coordinador do proxecto. Unha andaina de descubrimento que empeza na parte baixa do centro con varios paneis nos que se reseña a importancia arquitectónica, histórica e arqueolóxica do castelo de Moeche para logo, no primeiro andar, tratar con máis profundidade o contexto social revolucionario de finais do século XV, encadrado á súa vez nun clima de convulsión xeralizada en toda Europa.

Ademais de ampliar a información dispoñible e contala dun xeito moi didáctico, a nova exposición permanente muda o enfoque da anterior, centrando agora o seu relato no pobo como protagonista dunha revolta alimentada por múltiples factores -malas colleitas, enfermidades, etc.- e aguilloada polos “moitos agravios e danos e males” exercidos pola nobreza sobre o campesiñado e a fidalguía.

Os módulos narran con todo detalle os acontecementos extraídos da historiografía, desde as súas orixes até o seu desenlace, ofrecendo unha perspectiva xeral de como se desenvolveron en Moeche e noutros puntos de Galicia. Todo ilustrado con fotografías, cronogramas, debuxos, nomes e datos sobre a organización social e do poder. Incluso pode verse a réplica dunha vara de mando dos alcaldes nomeados pola Santa Irmandade, investidos de autoridade durante aquel curto período para faceren “xustiza dos ladróns e malfeitores”, segundo recolle o sumario do Preito Tabera-Fonseca.

No cabo do percorrido expositivo, o centro tamén conta cun recuncho dedicado ao Festival Irmandiño como evento preservador da memoria e, en certo modo, do espírito que alentou a revolución medieval, manifestado hoxe a través da música e a cultura.

A renovación do espazo buscou así mesmo que a interpretación tanto do castelo como da súa relevancia histórica fosen máis accesibles para as persoas visitantes. Neste sentido, o proxecto incluíu o cambio da sinalización das distintas partes da fortaleza incorporando códigos QR que enlazan con fichas explicativas e audioguías en tres idiomas, coa finalidade de que a experiencia de percorrela poida ser totalmente autónoma e aínda máis enriquecedora.

62.500 euros de investimento
A transformación do Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas tivo no contido a súa razón de ser, pero o Concello tamén viu oportuno preparar antes o continente puíndo e vernizando os chans de madeira e incorporando novo mobiliario, en ambos casos implicando no labor a carpintarías locais. Entre obra, soportes expositivos e contidos, o investimento alcanza os 62.500 euros financiados nun 80% pola Deputación da Coruña en virtude dun convenio asinado por Xosé Regueira e Beatriz Bascoy no verán de 2022.

A participación da Área de Turismo da Deputación na iniciativa obedece ao obxectivo de seguir poñendo en valor os recursos turísticos e patrimoniais da provincia, facéndoos máis accesibles e ampliando o seu coñecemento.

Ademais, o proxecto desenvolvido no castelo de Moeche vai intimamente ligado ao do Xeoparque do Cabo Ortegal  -apoiado tamén polo ente provincial-, que será aprobado proximamente pola UNESCO. De feito, a fortaleza formará parte do xeoparque como un dos seus principais recursos e será un dos centros de recepción de visitantes. De aí que un apartado do andar inferior estea dedicado ao seu coñecemento e nomeadamente á riqueza xeolóxica do municipio, asociada á presenza do toelo ou “pedra de Moeche” e de materiais ricos en cobre que noutro tempo se extraían en Mina Piquito.

O castelo, aberto ao público desde hoxe
No acto de estrea da nova mostra do Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas participaron membros da Corporación municipal, representantes do tecido social de Moeche e persoas que dun xeito ou doutro colaboran co Concello na promoción do castelo e do proxecto de xeoparque.

As instalacións quedaron abertas de novo ao público desde esta mesma tarde. Xusto a tempo para a Feira do Queixo do próximo domingo, que inclúe entre as súas actividades paralelas visitas guiadas polo castelo con transporte desde a feira.

Os horarios de visita de primavera son, desde hoxe, os mércores, xoves e venres de 11:30 a 13:30h e de 16:00 a 19:00h e os sábados, domingos e festivos de 11:00 a 14:30h e de 16:00 a 20:00h. Se o festivo cadra polo medio da semana, o castelo pechará ao día seguinte laborable.