O pasado mes de decembro Moeche aprobaba en Pleno os fins aos que destinará os fondos – 40.433,07 €- do POS Social 2026 (denominado tecnicamente Plan Adicional 01/2026), unha liña destinada a colaborar no financiamento das políticas sociais nos concellos. Moeche destinará estes fondo do POS Social a catro eidos principais; persoal, axudas para familias vulnerables, o servizo de axuda no fogar e programas para a infancia e adolescencia.
Unha parte destinarase a cofinanciar os gastos de persoal adscrito ao departamento de Benestar Social, coa contratación dunha auxiliar administrativo que comezará xa na primeira semana de febreiro. Para a contratación o Concello utiliza a bolsa de emprego de auxiliar administrativo que ten activada para contratacións temporais, baixas laborais, vacacións, etc.
Serán obxecto destes fondos os programas municipais como a liña de axudas para o pago da factura da luz para familias vulnerables, o servizo de podoloxía para dependentes, o programa Xantar na Casa e , sobre todo, para o reforzo do SAF na modalidade de dependencia, un servizo que, en palabras da alcaldesa “non é competencia municipal pero que os concellos están sostendo, e estes fondos axudarán a minimizar o esforzo municipal ante a falta de achegas suficientes, nalgúns casos inferiores ao 50% do custo real do SAF, por parte da Administración autonómica e estatal”. Moeche nos últimos anos aumentou o numero de persoas atendidas e duplicou o persoal do SAF, procurando atender aquelas persoas que agardan meses pola aprobación da dependencia por parte da Xunta de Galicia.
Por último -e non por iso menos prioritario- parte dos fondos dedicaranse á educación en igualdade e á prevención da violencia dixital con programas orientados á infancia e á adolescencia.








Últimos comentarios