Unha nova obra  con cargo aos fondos POS+ Adicional 2025  da Deputación da Coruña foi licitada polo Concello esta semana,  a da nova cuberta do anexo do local social do Pereiro. A obra ascende a 42.590,64 euros –IVE incluído- e as empresas interesadas poderán presentar as súa ofertas na sede electrónica ata o 3 de novembro .

A intervención céntrase na cuberta do anexo do local social, situado na parte posterior do local do Pereiro, e suporá a substitución da cubrición existente mantendo a estrutura. Realizarase a retirada da actual chapa ondulada de fibrocemento con amianto e colocarase sobre a estrutura metálica existente un panel composto, de interior a exterior, por taboleiro, illante PUR de 80mm e aluminio lacado como acabado exterior. No interior colocarase un falso teito suspendido de panel de xeso laminado que irá pintado e illado con lá mineral de 80mm. As chemineas serán renovadas por chemineas metálicas e producirase a renovación de canles e baixantes pluviais vistas por tubaxes de aluminio.

A cuberta actual, co moitos anos de existencia, está deteriorada e afecta á parte do local de maior uso pola entidade veciñal, onde se desenvolven cursos, obradoiros e xuntanzas da veciñanza. A súa substitución foi unha das demandas da entidade veciñal recollidas nas asembleas veciñais e, ademais de mellorar o espazo para o desenvolvemento dos seus fins, vai supor un aforro de enerxía neste anexo ao local social ao que o Concello  dotou con novas ventás hai escasos anos e  asa entidade veciñal encargouse da adquisición do sistema de calefacción.

As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas na Plataforma de Contratos do Estado ata o 3 de novembro.

Enlace á licitación