A aínda elevada incidencia, o peche perimetral e o nivel máximo de restricións, malia a mellora dos datos,  levan a manter a suspensión da feira para o próximo martes 23. 

A Xerencia da Área Sanitaria de Ferrol comunicoulle ao Concello hoxe pola mañá, 21 de febreiro, que en Moeche se contabilizaban 25 casos activos. Se ben  se mantén a liña descendente a cifra está aínda moi por riba da ratio 250/100.000 habitantes empregada polo comité clínico para  establecer o nivel máximo de restricións. Moeche segue, como todos os concellos galegos, en   peche perimetral. Ante esta situación, o Concello de Moeche mantén a suspensión a feira deste sábado martes 23 de febreiro.

O peche perimetral, que impide a asistencia á feira de veciñanza doutros municipios,  o peche da hostalaría local e, sobre todo, o aínda elevado número de casos activos e unha incidencia de 1180/100.000 habitantes son as razóns básicas que  conducen a manter a suspensión. Desde a Alcaldía mantívose contacto coa asociación galega de vendedores ambulantes para trasladarlle as razóns desta decisión e  faise publico o agradecemento do Concello por compartir e comprender a adopción desta medida, que agardamos se poida levantar de cara ás feiras e mercados do mes de mazo.

Mantéñense as medidas xerais adoptadas polo Goberno local o pasado mes de xaneiro ante a situación sanitaria. Estarán en vigor  ata o vindeiro 3 de marzo, excepto que se produzan novas directrices desde a Administración sanitaria en función da evolución da situación xerada pola pandemia.  Lémbrase o contido das citadas  medidas:

  • Suspensión da actividade deportiva e cultural municipal,
  • Servizo de apoio veciñal para aquelas persoas que non dispoñan dunha rede de axuda para desprazárense mercar produtos básicos ou medicamentos. Este servizo solidario pode solicitarse no 639 417 975 entre as 9.30 a 18.30h.
  • Peche de parques infantís e parque biosaudable e locais sociais e culturais
  • Suspensión da celebración das feiras mensuais e o mercado semanal.
  • A atención presencial, preferentemente, con cita previa nas oficinas municipais.

Servizo de Axuda non Fogar  e outras accións

Outras medidas vanse  readaptando á realidade cotiá, como a reorganización do Servizo de Axuda no Fogar que xa vai recuperando a  prestación inicial do servizo, e  o servizo de apoio co equipamento  informático á comunidade educativa, que se adáptase xa  á volta ás clases presenciais en todas as aulas no CEIP San Ramón.