As consecuencias e restricións da situación sanitaria duraron e duran moito máis do que inicialmente podiamos pensar e, a día de hoxe, non se dan as condicións para recuperar a Feira do Cabalo tal e como a coñecemos.  A Asociación Ecuestre 23 de Abril e o Concello de Moeche acordaron a non celebración da Feira do Cabalo neste ano 2021 xa que a situación e o nivel de restricións esixen que evitemos as aglomeracións de persoas, ademais da incerteza da evolución sanitaria nos próximos días. 

O 23 de abril manterase como un día de feira normal e desde o Concello reforzaranse as medidas preventivas ante a posibilidade dunha maior afluencia de xente. Con este obxectivo mantívose   esta semana unha xuntanza entre o Concello, a Asociación Ecuestre 23 de Abril e  a Garda Civil.

Emitirase un bando  para informar ao conxunto da veciñanza da suspensión da Feira do Cabalo e o mantemento do día de feira. Así mesmo, o Concello solicitou hai uns dias a colaboración de membros de Protección  de Civil do Concello  de Neda – que  xa están a axudar nas últimas feiras-  e  do Concello de Valdoviño.

A Garda Civil establecerá un dispositivo extraordinario de seguridade para garantir o cumprimento das normas sanitarias  e o bo desenvolvemento do vindeiro 23 sen Feira do Cabalo.

Desde o Concello comunícase que, co fin de  evitar  aglomeracións non estará autorizado o acceso dos cabalos á nave do gado e, dado que se suspende a Feira do Cabalo, non se habilitarán espazos  extraordinarios.

Lembrase a importancia   e obrigación  de respectar  as normas sanitarias e as medidas  que o nivel de restricións da  actual situación sanitaria esixen , tanto na visita á propia feira como aos establecementos de hostalaría.