O Concello ten avanzada a organización da sétima edición dunha feira que xa se consolidou , na súa corta andaina, como un dos principais referentes para descubrir a variedade e calidade dos queixos artesáns de maior prestixio, dos elaborados na comarca, pero tamén noutras partes de Galicia, do Estado. 

A VII edición da Feira do Queixo  terá lugar o 30 de marzo e  xa desde hai unhas semanas o Concello comezou coa  organización do evento. Este ano por mor das datas de Entroido as tradicionais feiras do queixo que se celebran en Galicia  modificaron as súa habituais datas, e así a Feira de Moeche trasládase de mediados de mes para finais de mes.

En breve comunicarase a apertura do prazo de inscrición para as queixarías e tamén para os postos de alimentación,  e darase a coñecer a queixaría convidada deste ano. A Feira do Queixo de Moeche acolleu nestes anos como queixarías convidadas prestixiosos produtores do queixo Gamoneu ou Idiazabal, entre outros, e na pasada edición de 2024, as principais queixarías da Rede española de Queixarías Artesás.

O queixo volverá ser, polo tanto, o eixo central dunha feira que busca promocionar todo o que pode dar de si a transformación leiteira baseada na calidade e na diferenciación dos seus produtos. A VII Feira do Queixo será, así mesmo, punto de encontro para participar e gozar de catas comentadas, música, obradoiros para a rapazada , Tren do Queixo, visitas ao Castelo, boa gastronomia  e algunha outra novidade … un completo programa de opcións paralelas para toda a xornada.