Anxo Canosa Casanova, Hector Orjales Luaces e Zeltia Pedreira López, membros do grupo do Consello Local de Infancia e Adolescencia, acompañados da concelleira de Ensino, Infancia e Cultura, Alba Fernández Orjales , participan esta fin de semana no 8º Encontro Estatal de Participación de infancia e adolescencia
Moeche é un dos seis concellos galegos presentes no evento xunto a Tomiño, Moaña, Teo, A Laracha e O Rosal. Esta participación no encontro estatal consolida o compromiso do Concello coa infancia e cos dereitos infantís e axuda a avanzar nunha comunidade máis participativa.
Un total de 180 nenos, nenas e adolescentes de todo o Estado e 60 acompañantes adultos participan en representación dos seus consellos locais de infancia e adolescencia. O evento está organizado por Unicef coa colaboración do Ministerio de Dereitos Sociais e, neste ano, o Concello de Bilbao.
O Concello asume o transporte mentres do aloxamento encargase a organización do encontro estatal. A concelleira e os menores partiron desde Moeche onte venres pola maña para coller o autobús compartido con outro concellos galegos que tamén terán representación on Encontro estatal. Permanecerán ata o domingo 12 á tarde. Aloxaranse nun hotel próximo ao Azkuna Zentroa, lugar de celebración do encontro.
A concelleira, Alba Fernández, salientou o significado destes encontros como unha “oportunidade para compartir ideas, propostas e, sobre todo, reflexionar sobre a importancia da participación na vida pública e a solidariedade”
Os encontros estatais de participación son espazos onde nenos, nenas e adolescentes se reúnen e debaten cuestións vinculadas cos dereitos da infancia co obxectivo de elaboraren propostas e conclusións comúns que se canalizan na redacción dun Manifesto.
Pola súa parte, a alcaldesa, Beatriz Bascoy, destacou que é un orgullo que Moeche ter representación neste encontro estatal, Anxo, Hector e Zeltia son un exemplo do compromiso da xente máis nova, dunha adolescencia consciente da importancia da súa participación activa, que o Concello seguirá apóiano e impulsando”
Nestes tres días de encontro, mozos e mozas participantes traballarán intensamente en torno ao dereito à protección infantil e como mellorar a seguridade e benestar de nenos, nenas e adolescentes en distintos contextos. O resultado plasmarase nun manifesto coas propostas e conclusión, que será presentado no Congreso dos Deputados así como noutros espazos de toda de decisión, co fin de garantir que a voz da rapazada se concrete no deseño das políticas.
Últimos comentarios