A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy Maceiras, participou este mediodía na Casa do Concello de San Sadurniño nunha reunión de traballo con representantes dos municipios veciños de San Sadurniño, As Somozas e Cerdido, co obxecto de explorar vías de colaboración na xestión compartida de servizos municipai

O encontro centrouse especialmente na posibilidade de mancomunar a xestión dos Xulgados de Paz, un servizo que presenta unha carga de traballo crecente para as pequenas administracións locais.

A xuntanza tamén abriu o debate sobre outras áreas de posible colaboración: os servizos sociais, a recollida de residuos e a contratación conxunta de subministracións e mantemento. Explorouse concretamente a opción de realizar licitacións compartidas en telefonía ou no mantemento dos medios de extinción de incendios, co obxectivo de reducir custos e mellorar a coordinación territorial.

Como paso seguinte, os departamentos de Secretaría e Intervención dos catro concellos analizarán tecnicamente as opcións viables, concretando necesidades e posibles modelos de traballo compartido. O resultado desa análise servirá de base para iniciar, nunha segunda fase, as negociacións con outros concellos e coa Xunta de Galicia.

Desde o Concello de Moeche valoramos positivamente esta iniciativa de cooperación intermunicipal. A colaboración entre administracións veciñas é unha ferramenta fundamental para que os municipios rurais poidan ofrecer servizos eficaces á veciñanza sen incrementar a carga orzamentaria.