Pasada a fin de semana VI Feira do Queixo e a I Feira estatal de Queixarías artesás QueRed, toca facer balance do que deron de si dúas intensas xornadas, sobre todo a de onte domingo, marcada pola grande afluencia de público e polo sentir xeral entre os expositores -tanto queixeiros como de artesanía agroalimentaria- de que as vendas foron satisfactorias. En canto ao primeiro, o Concello cuantificou en 15.000 o número de visitantes, tomando como dato a valoración de Protección Civil, mentres que para avaliar o segundo parámetro acudiu ás fichas individuais cubertas pola práctica totalidade dos postos. Nunha escala do 1 ao 10 outorgáronlle 9,4 puntos á organización, 9,12 á asistencia de público e o interese mostrado nos produtos e 8,3 puntos ao nivel de vendas. Os datos veñen constatar, unha vez máis, que a Feira do Queixo de Moeche “está consolidada” como un dos grandes referentes galegos para mostrar a calidade e variedade dos produtos que se elaboran tanto aquí como noutras partes do estado, ademais de ser exemplo do grande potencial de futuro que teñen as elaboracións artesanais.  

Aproveitando a coincidencia da feira modestina co encontro estatal de queixerías artesás, o Concello reforzou o programa da tarde para asegurar un fluxo constante de visitantes durante toda a xornada. E a idea funcionou á perfección. Pola mañá, sobre todo a partir das 12:00h foi cando máis actividade houbo na nave do mercado -onde se situaron as queixarías- e na carpa instalada ao seu carón, onde se distribuían os postos con conservas, doces, pan, chocolates, meles e outros postos agroalimentarios. A primeira metade do día foi un non parar que se prolongaría despois do xantar con menor intensidade pero sempre cun movemento constante.

Sobre as vendas, cada queixeira e queixeiro falou da feira segundo lle foi nela. En todos os casos houbo coincidencia en que o produto tivera boa saída. Marina Hernández, propietaria dunha pequena queixaría en Mérida, destacou a organización e o interese do público polo seu queixo. “A mi me ha sorprendido que mis quesos, que son todo cabra, hayan agradado. De ventas no me puedo quejar, la verdad”.  No mesmo sentido tamén se pronunciou Nacho Robredo, de Quesería Estravilla, en Huesca, que traía igualmente varias pastas elaboradas con leite de cabra. “Hay mucha gente a la que le dices que es queso de cabra y se echa para atrás, pero cuando rompe esa barrera mental y lo prueba ven que tienen un sabor muy limpio que la gente aprecia. Las ventas han ido bastante bien”.

En Moeche, con 39 queixarías inscritas procedentes de distintos puntos do Estado, puideron mercarse queixos con pastas e maduracións moi diversas. Queixos con moitos matices e presentacións que, como nexo común, comparten a procedencia de obradoiros pequenos que apostan por unha tradición actualizada e controlada como feito diferencial para posicionarse nun mercado emerxente.

E é que a cultura do queixo vai a máis, algo que puxeron de manifesto varios dos postos. Carmela Cano, da queixería Galmesán -que produce aquí en Galicia un queixo tipo Grana dos Alpes italiano- destacou o interese que espertan as novas elaboracións. “Comezamos co proxecto hai seis anos e temos presenza no mercado nacional e incluso no internacional”, asegurou.

Pola súa banda, Xesús Mazaira, da queixaría chantadina Airas Moniz -quen esgotou existencias sobre as tres da tarde- afondou nas posibilidades que ofrece este produto para o sector leiteiro galego, constatadas no mostrario que foi a feira de Moeche: “A xente está disposta a gastar cartos neste alimento. Vemos que co mesmo produto, que é o leite, poden facerse infinidade de produtos. Aquí en Galicia estabamos acostumados ao sota, cabalo e rei e non nos sacaban de aí, e hoxe temos queixos premiados a nivel mundial. Os galegos temos que crer que somos capaces de facer queixos coma en calquera lugar do mundo. As queixarías non deben ter medo, saír ao exterior e mostrar os seus produtos. E quen ten gandería, que se anime, hai mercado e pódese vivir dignamente do queixo”.

José María Alonso, presidente de QueRed e queixeiro con posto na feira, valorou o evento como “sobresaliente” pola organización e polo ambiente vivido durante a xornada, independentemente da saída que tivese o produto para cadaquén. “Esto es mucho más que vender, es poner en valor la cultura quesera, la tradición, el quilómetro cero”, afirmou Alonso, reivindicando deste xeito o potencial do queixo como tractor da economía do medio rural.

Nese camiño están avanzando xa algunhas das queixarías locais, como é o caso de Lácteos Moeche, Lácteos O Casal ou Queixos Brigantia. As tres contan con elaboracións frescas ou pastas brandas, as habituais nesta zona. Porén, pouco a pouco foron abrindo o abano, e con bos resultados. Vanessa Gesto, de Lácteos O Casal, apuntaba que a feira foi un reflexo da tendencia do mercado que, para eles, está centrado “no requeixo, o queixo cremoso e o afumado, que está tendo moita saída”. O Casal está ampliando instalacións, igual que Queixos Brigantia, que ten en proxecto novo obradoiro para continuar facendo queixos que no seu día foron toda unha novidade: “hai moita xente que busca cousas diferentes e para crecer necesitamos infraestrutura para traballar máis cómodos e mellorar a nosa calidade de vida, pero mimando moito o produto”. Senén Ramos, de Lácteos Moeche, mostrouse moi satisfeito por como funcionou a feira: “pola mañá foi impresionante, a verdade. Quen veu, veu comprar”, asegurou. A empresa local tiña expostos tipos de queixo que teñen un mercado moi consolidado no ámbito galego.

Satisfacción no Goberno local
A VI Feira do Queixo de Moeche e I Feira estatal de Queixerías Artesás QueRed deixou bo sabor de boca entre todos os postos participantes. O Concello entregoulles un formulario para puntuaren distintos aspectos do evento que, en palabras de Beatriz Bascoy, deron un resultado “moi satisfactorio”. Nun rango do 1 ao 10, a organización “a pesar dos pequenos fallos que sempre hai” obtivo 9,4 puntos, as valoración das vendas por parte dos postos saldouse cun promedio de 8,3 puntos e a resposta do público alcanzou os 9,12 puntos.

“O balance que nos trasladaron tanto os produtores como a xente que nos visita é que todo estivo moi ben. En xeral vendeuse moito e veu moita xente, Protección Civil calculou máis de 15.000 persoas. Os obradoiros cubriron todas as prazas, as catas non nos chegaron… entón, cando se cobren as prazas de todas as actividades e cando a xente vende moito, non se pode falar máis que dun éxito”, resumiu a alcaldesa reiterando o agradecemento “a todas as persoas que colaboran co Concello” na organización desta e doutras feiras monográficas.

Bascoy fala da Feira do Queixo como unha cita “xa consolidada” que nesta edición rexistrou “moitísimo movemento” tamén durante a tarde, co concerto infantil de Uxía Lambona e a Banda molona e o peche musical de Lenda Ártabra.

Agora toca pensar na feira cabalar do San Xurxo, o grande evento do calendario anual modestino. A organización das probas volverá recaer este ano na Asociación Ecuestre 23 de abril, despois de que a entidade renovase a súa directiva. O Concello subscribirá nos próximos días o correspondente convenio de colaboración coa asociación, ademais de brindarlle apoio loxístico e coordinar a seguridade da cita.