O Concello de Moeche reforza durante estes días as mensaxes a prol da erradicación das violencias contra a muller coincidindo co 25 de Novembro, data sinalada polas Nacións Unidas para que en todos os Estados se faga unha chamada de atención sobre este problema que, porén, se manifesta de múltiples maneiras todos os días do ano. As actividades arredor do día internacional desenvolveranse desde este mércores 23 -día de feira- até o próximo 30 de novembro, con propostas moi centradas na prevención a través do traballo coa rapazada e a adolescencia. De feito, Moeche volveu sumarse este ano á campaña “De fronte ás violencias” promovida pola Área de Igualdade da Deputación da Coruña, que nesta ocasión pon o foco nas violencias dixitais. Material impreso, unha ciberquedada, vídeos, espectáculos e unidades didácticas integran un programa deseñado para que os concellos e os centros de ensino se impliquen na concienciación e tamén na proposta de solucións. Nesta última cuestión, a das solucións, Moeche comparte con San Sadurniño o proxecto O Lavadoiro, que supuxo a posta en marcha dunha rede veciñal con dúas misións: apoiar e acompañar desde a proximidade ás vítimas do maltrato e, por outra banda, construír novas masculinidades que acaben co machismo, verdadeira raíz do problema da violencia de xénero. O Lavadoiro, que agora iniciará a súa andaina en solitario tras varios meses de preparación, presentarase o sábado ás 11:30h na Casa da Cultura de San Sadurniño.
No ámbito comunitario, as actividades municipais comezan na feira do 23 coa instalación dun posto onde se informará sobre os servizos e recursos dispoñibles para axudarlles ás mulleres, mozas e nenas que se encontren nunha situación de violencia. No punto de información distribuirase o material de guía incluído na campaña “De fronte ás violencias”, pero tamén se facilitarán os contactos cos Servizos sociais municipais e teléfonos aos que acudir para pedir axuda, nomeadamente o 016 que atende as 24 horas do día e que non queda rexistrado na factura, aínda que si é necesario borralo da memoria de chamadas do dispositivo.
Unha das propostas principais deste 25N en relación coas accións públicas será a presentación do programa O Lavadoiro posto en marcha polos concellos de Moeche e San Sadurniño con apoio da Deputación da Coruña. Trátase dun proxecto piloto innovador e de base social para afrontar a violencia de xénero desde unha perspectiva distinta e complementaria dos outros mecanismos de loita contra esta lacra da nosa sociedade.
Así, ao abeiro do Lavadoiro formouse un grupo de mulleres “facilitadoras” co obxectivo de contar cunha rede veciñal de apoio ás vítimas e que, ademais, conte cos coñecementos necesarios para detectar posibles casos e cumprir coa necesaria función de acompañamento no proceso de deixar atrás a súa situación. Ademais, dentro deste Lavadoiro tamén naceu un grupo de homes “aliados” coa misión de difundir un novo modelo de masculinidade comprometido coa igualdade, a corresponsabilidade e a erradicación do machismo. Os resultados iniciais do proxecto daranse a coñecer nun evento con entrada libre programado para as 11:30h deste sábado 26 de novembro na Casa da Cultura de San Sadurniño.
Ambos grupos explicaranlle ao público asistente o traballo que desenvolven, con idea de que o proxecto continúe avanzando a partir de agora de maneira autónoma e incorporando máis persoas como facilitadoras e como aos aliados. Cara ao remate da xuntanza tamén intervirán representantes municipais de Moeche e San Sadurniño, así como responsables técnicas da cooperativa Arabías (coordinadora do proxecto), antes de darlle paso á actuación de Vero Rilo coa súa proposta escénica “Lavandeiras”, que parte da recollida oral de testemuños e vivencias nos lavadoiros, antano auténticos foros de empoderamento feminino e de sororidade. O evento concluirá pasadas as 13:00h cun pequeno coloquio relacionado con todo o tratado na xornada e cos avances que aínda se deben producir para acadar unha igualdade plena e libre de violencias machistas.
Traballo co CEIP San Ramón
No tocante ao traballo de concienciación da rapazada, en Moeche as actividades oriéntanse todas ao CEIP San Ramón. Neste sentido, o venres 25 de novembro ás 12:15h entregaranse os premios do concurso “Lemas contra a violencia” no que participaron todos os cursos do centro de ensino. Ademais, o día 28 as aulas de 3º e 4º desenvolverán a ciberacción incluída nas propostas da campaña “De fronte ás violencias” da Deputación da Coruña. A través dun xogo en liña de preguntas e retos, a rapazada aprenderá as distintas modalidades de violencias exercidas mediante internet e os dispositivos móbiles, como son o sexting, o grooming, a sextorsión, o ciberacoso ou o emprego das ferramentas dixitais -sobre todo o teléfono e as redes sociais- como mecanismo de control da parella.
No marco da iniciativa provincial, que este ano pon o foco na mocidade e as violencias dixitais, o día 30 de novembro distribuirase entre a comunidade educativa a “Guía para o acompañamento seguro e igualitario no uso das TIC”, orientada principalmente a familias e profesorado. Cabe recordar, ademais, que a Concellaría de Igualdade e o centro de ensino veñen colaborando desde hai dous anos neste ámbito por medio dos Obradoiros de bo trato na Rede.
Teatro reivindicativo
A última das actividades incluídas no programa de Moeche arredor do 25N será a representación da obra teatral para público adulto “As alumnas”, protagonizada por Anabell Gago e Mónica Camaño baixo a dirección de Fina Calleja. O texto, de Paula Carballeira, descóbrenos a figura da pedagoga galega María Barbeito e retrata a maneira en que o Estado franquista fixo retroceder os avances da República en materia de ensino e empoderamento feminino, ao tempo que confinou a muller nun modelo de familia ultracatólica onde todo xiraba arredor dos desexos e o dominio do home, incluso legalmente.
“As alumnas” representarase o domingo 27 de novembro a partir das 17:30h no local social de Abade con entrada libre. O espectáculo chega a Moeche gracias á área de Igualdade da Deputación da Coruña.
Últimos comentarios