O Concello de Moeche aprobou cos cinco votos favorables do grupo municipal do BNG, no pleno extraordinario celebrado este martes, a modificación da ordenanza reguladora do imposto sobre bens de natureza inmoble, coñecido comunmente como a “contribución”.  A proposta do equipo de goberno incorpora bonificacións para familias numerosas e mantén as exencións  para os predios de menor tamaño . Mais, o cambio máis destacado será a redución do tipo de gravame para o rústico, que pasa do 0,8 ao 0,7% e que afectará a un amplo número de vivendas que ao situarse en  rústico se vían afectadas polo tipo do 0,8%. Estas medidas buscan paliar en parte as subas promovidas polo Ministerio de Hacienda e, en especial, o “catastrazo” ao que Moeche se está vendo sometido nos últimos meses.

Tal e como recolle o BOE do 30 de decembro de 2016, Moeche foi incluído xunto con outros 78 municipios galegos no listado de concellos onde se acometería unha regularización catastral de oficio, dentro dun programa estatal para o período 2013-2016 que veu precedido en 2011 dunha suba xeral do imposto nun 10%  decretada polo goberno central.

Ao longo deste ano chegáronlle á veciñanza de Moeche un total de 712 notificacións dando de alta todas aquelas construcións de máis de 15 m² que non constaban nas bases de datos da Dirección Xeral do Catastro. Un traballo efectuado principalmente con cartografía aérea e imaxes de alta resolución onde aparecen cabanas, galpóns, arrimos, etc., pero tamén volumes que semellaban edificacións sen selo. En todos os casos o Catastro remitiu unha carta indicando os novos valores e anunciando o cobro dunha taxa de 60€ pola regularización de oficio, así como un prazo de 15 días para presentar alegacións.

Ante esta situación o Concello de Moeche puxo en marcha unha oficina de asesoramento gratuíto para a veciñanza co obxectivo de informala sobre a propia regularización e os seus dereitos. Este servizo atendeu  304 consultas e preparou 63 alegacións, na súa maioría presentadas por persoas de idade avanzada. “Adiantámonos ao que ía vir e contactamos con persoal especializado na materia para estar preparados, axudándolle á veciñanza a afrontar unha medida que nós, como goberno, consideramos abusiva”, comenta Beatriz Bascoy. “O Catastro deu de alta de todo e nalgúns casos con valores  moi superiores ao que lles correspondería. Ademais, a regularización tamén inclúe instalacións agropecuarias que antes non pagaban e agora terán que facelo, aínda que en moitos casos xa non cumpren a súa función porque os seus titulares se xubilaron ou abandonaron a actividade”.

Para minorar os efectos das subas  e mailo denominado “catastrazo” do Ministerio de Hacienda y Función pública, o Goberno local decidiu levar a pleno unha serie de modificacións na ordenanza reguladora do Imposto de Bens Inmobles.

Os cambios aprobados atenden á rebaixa do tipo de gravame para o IBI rústico, que pasa do 0,8 ao 0,7%, pero tamén a varias bonificacións. Así, os propietarios e propietarias de bens que posúan a condición de titulares de familia numerosa contarán cunha bonificación na cota íntegra do imposto na súa residencia habitual. Os tramos son dun 55% de bonificación para un valor catastral da vivenda menor ou igual a 75.000 euros, dun 45% para un valor que non exceda os 120.000 e dun 20% no caso de vivendas que se sitúen entre os 120.000 e os 240.000 euros de valor catastral.

Iso si, para acceder a estas bonificacións -que serán de aplicación a partir do ano que vén- será necesario solicitalo previamente, ter o empadroamento en Moeche e acreditar a condición de familia numerosa.

Por outra banda, a modificación da ordenanza da “contribución” mantén as exencións totais xa existentes para aqueles bens de natureza urbana cunha cota líquida inferior a 3€ e os de natureza rústica que deban pagar menos de 1 euro asi como a do Centro de Saúde.

“A modificación desta ordenanza busca paliar no posible os efectos do catastrazo que se deixarán notar o ano que vén. Desta maneira rebaixamos a contribución en rústico, que estaba no tramo máis alto desde o ano 2003, e suavizamos o impacto da regularización de todos os bens que se verán obrigados a pagar por causa dunha decisión estatal”, explica a alcaldesa. Beatriz Bascoy engade que a modificación da ordenanza  “tamén se aproveita para actualizar un articulado que non prevía bonificacións de ningún tipo”.

Tralo trámite plenario, a ordenanza modificada permanecerá en exposición pública un período de 30 días hábiles, co obxectivo de que se cumpran os prazos legais e teña efecto xa no exercicio de 2018.