Hoxe sábado, 21 de setembro, Moeche celebrou o acto de entrega do distintivo de renovación como Concello Amigo da Infancia. A rapazada que forma o Grupo de Participación Infantil e Adolescencia de Moeche encargouse, con axuda do persoal municipal, de colocar a placa distintiva de renovación como Concello Amigo da Infancia na fachada da Casa do Concello, como fixeran no ano 2018. No acto estiveron acompañados pola presidenta de Unicef Galicia, María Montalvo, e a técnica Marta Andrade, pola alcaldesa, Beatriz Bascoy, a concelleria de Infancia, Alba Fernández asi como varios membros da Corporación municipal, representantes do movemento asociativo, persoal municipal e membros do CLIA. Deste xeito visibilizaron o Selo de Recoñecemento como Concello Amigo da Infancia que UNICEF lle renovou a Moeche e que desde hoxe está na fachada da Casa do Concello, no exterior, substituíndo á primeira placa, que por desexo da rapazada sitúarase no salón de plenos.

Hai uns meses Moeche recibía a comunicación do acordo de UNICEF España de renovarlle o Recoñecemento como Cidade Amiga da Infancia ao Concello de Moeche, no marco da Convocatoria de Recoñecementos 2023 e hai pouco chegaban as indicacións dos compromisos das partes pola Renovación do Recoñecemento asi como os detalles para encargar a placa distintiva do recoñecemento.

E por fin chegou o momento de colocar a nova placa de Concello Amigo da Infancia, un acto no que participou a presidenta de Unicef Galicia, María Montalvo, e a técnica de Unicef, Marta Andrade, que foron recibidas pola alcaldesa, Beatriz Bascoy, e a concelleira de Infancia, Alba Fernández. No acto participaron representantes de asociacións municipais ,a ANPA do CEIP San Ramón, a A.VV Labacengos, e a  AVCR Val de Moeche, que ao longo destes anos estiveron presentes colaborando naquelas iniciativas propostas e promovidas polos rapaces e rapazas.

A presidenta de UNICEF, María Montalvo, dirixiuse aos nenos e nenas para felicitalos polo traballo feito , pola súa actividade e participación e   “animounos  a convidar a amigos e amigas para sumarse ao grupo de participación”  e fíxolles entrega dun debuxo do artista  Leandro Lamas,  xurdido no encontro dos CLIA galegos hai uns meses en Ourense, no que Moeche estivo representado por catro adolescentes e pola concelleira de desenvolvemento local, Cristina García Rey. Así mesmo, a presidenta de  UNICEF fixolle entrega á alcaldesa do diploma da renovación como Concello Amigo da Infancia

Ademais de colocar a nova placa na fachada do Concello, a anterior placa distintiva trasladouse ao salón de plenos por proposta da rapazada co fin de que se visibilice sempre o percorrido iniciado en 2016. Tras a colocación da nova placa de renovación para os próximos catro anos, as persoas participantes achegáronse ata o Mercado municipal para degustar un pequeno aperitivo como despedida.

Hai preto de 6 anos, en novembro de 2018, a alcaldesa, Beatriz Bascoy, recollía en Oviedo o diploma de nomeamento de Moeche como Concello Amigo da Infancia, como recoñecemento a un traballo colectivo que naceu en 2016. Hai uns meses o Concello e o CLIA recibiron a notificación da renovación por catro anos máis, un premio ao traballo realizado, inidicou a concelleira de Infancia, Alba Fernández, “mais tamén unha responsabilidade, a de seguirmos avanzando na participación de nenas e nenos, de darlles voz”.

Esta renovación é a consideración e o recoñecemento, como recolle o mesmo comunicado de Unicef  ao compromiso do Goberno local no cumprimento dos dereitos dos nenos, nenas e adolescentes, pero, sobre todo, así o entendemos desde o Concello, é poñer en valor a todas as nenas e nenos que se sumaron ao Grupo de Participación Infantil e Adolescente ao longo destes anos, e un recoñecemento a todos aos membros do CLIA; ás persoas representantes do movemento asociativo, que non dubidaron en colaborar cando a rapazada o solicitou, e aos membros da comunidade educativa do CEIP San Ramón, ao persoal técnico que se implicou, con especial mención á técnica municipal, Raquel Novo, e a técnica, Tania Merelas, que acompaña á rapazada en cada xuntanza mensual de traballo.

Actualmente o CLIA conta cun Grupo de Participación Infantil e Adolescencia de 17 rapaces e rapazas, e antes deles houbo outros menores que participaron desde o principio; para  eles e elas, hoxe xa mozos e mozas,, a alcaldesa manifestou ” o noso agradecemento por daren o paso nos primeiros anos e axudaren a chegarmos ata aqui,  avanzar neste proxecto é un investimento na infancia cun impacto positivo a curto, medio e longo plazo, xa que non só transforma a realidade da infancia, senón tamén a de toda a sociedade”

Ser recoñecido como Concello Amigo da Infancia implica para un Goberno local compartir unha mesma visión, así como realizar accións encamiñadas a que todo neno, nena e adolescente poida gozar plenamente dos seus dereitos, contar con espazos reais de participación, desenvolverse plenamente no seu entorno máis próximo, nos concellos e comunidades, onde poida ser nena ou neno ou adolescente, porque o progreso da infancia é o progreso de todos e todas.