As portavoces dos dous grupos políticos con representación municipal, Cristina García Rey (BNG) e María Méndez Vilela (PP), asinaron hoxe xunto coa alcaldesa, Beatriz Bascoy Maceiras, a declaración institucional con motivo do Día Internacional da Muller. O texto alíñase coa reivindicación da ONU-Muller deste ano, enfocada na demanda de investimentos que aseguren a igualdade de xénero. Porén, a declaración tamén volve facer unha chamada de atención sobre a necesidade de avanzar na corresponsabilidade dos coidados da infancia e das persoas maiores, que a maioría das veces recaen nas mulleres, con todo o que iso implica en canto a renuncias profesionais, aspiracións vitais e en sobrecargas físicas e emocionais.
Concello e veciñanza volverán camiñar pola Igualdade con motivo do 8M
Moeche programou como evento principal a andaina “Camiñando cara a Igualdade”, que se desenvolverá este sábado 30 de marzo a partir das 11:30h. A idea é formar grupos que irán saíndo desde distintos puntos do territorio para chegar á mesma hora -sobre as 13 ou 13:15h- ao recinto feiral de San Ramón, onde se servirán uns petiscos e se lerá o manifesto institucional co gallo do 8M. Para unha mellor organización fai falla inscrición previa a través de correo@moeche.gal ou no teléfono 981 404 006.
Os distintos puntos de partida son os seguintes, todos situados en lugares con espazo abondo para aparcar:
11:30h Grupo 1: Igrexa de Santa Cruz pasando polo Retorno e uníndose ao Grupo 3 na igrexa de Labacengos. Trátase do itinerario máis longo (7,1 km) e, polo tanto, o máis aconsellable para quen queira dar un bo paseo
12:00h Grupo 2: Cruceiro de San Xurxo pola CP-4901 ata a CP-4904 (4,3 km, aproximadamente 1 hora)
12:15h Grupo 3: Igrexa de Labacengos pola CP-4902 ata a CP-4904 (3,4 km, 40-45 minutos), con idea de que tanto este grupo como o nº 1 conflúan na estrada das Somozas co Grupo 2 que sobe desde San Xurxo
12:15h Grupo 4: Adro da Igrexa de Abade (3,9 km, uns 45 minutos). O trazado vai pola CP-4905 e por pistas municipais, non pola estrada de Ortigueira
12:15h Grupo 5: Cemiterio de San Xoán, seguindo logo polo Riovello e Pardiñas (2,8 km e uns 40-50 minutos)
12:50h Grupo 6: Cruceiro de San Ramón seguindo a estrada Cristo do Rañal (350 m.), pensado para persoas con mobilidade reducida ou para quen queira participar no acto final.
Declaración Institucional do Día Internacional da Muller
Últimos comentarios