As portavoces dos dous grupos políticos con representación municipal, Iria Couce Rego (BNG) e María Méndez Vilela (PP), asinaron onte xunto coa alcaldesa, Beatriz Bascoy Maceiras, a declaración institucional con motivo do Día Internacional da Muller. O texto alíñase coa reivindicación da ONU-Muller deste ano, enfocada na demanda dun mundo dixital inclusivo que oriente a innovación e a tecnoloxía tamén cara á igualdade de xénero. Porén, a declaración tamén volve facer unha chamada de atención sobre a necesidade de avanzar na corresponsabilidade dos coidados da infancia e das persoas maiores, que a maioría das veces recaen nas mulleres, con todo o que iso implica en canto a renuncias profesionais, aspiracións vitais e en sobrecargas físicas e emocionais. A publicación da declaración do 8M marca o inicio dun calendario de actividades no municipio no que tamén se implican as entidades e o CEIP San Ramón.

No caso da escola, o Concello colaborará este xoves ao mediodía -despois do recreo- achegándolle ao alumnado o espectáculo Toupiciencia da compañía A Xanela do Maxín, previsto inicialmente para o Día Internancional da Muller e a Nena na ciencia pero que tivo que adiarse por problemas de axenda. Toupiña e outros monicreques descubriranlle á rapazada  curiosidades sobre a astronomía, a física, a bioloxía, a química ou as matemáticas, con mención especial a aquelas mulleres que fixeron avanzar o coñecemento científico e tecnolóxico cos seus descubrimentos.

O sábado 11, veciñas das cinco parroquias de Moeche participarán nun xantar de irmandade organizado pola Asociación Veciñal de Labacengos. Trátase do cuarto encontro en feminino convocado pola entidade e o primeiro presencial desde  marzo de 2020, que daquela se celebrou xusto antes do Estado de alarma decretado por causa da pandemia.

Estrea do documental “Mulleres de Moeche. A nosa historia”
Unha das citas principais do 8M en Moeche vai ser a estrea do documental “Mulleres de Moeche. A nosa historia”, que terá lugar no Centro Cultural Francisco Piñeiro o domingo 19 de marzo ás 12:00h con entrada libre. (Nova data: domingo 2 de abril á mesma hora, tamén no centro Francisco Piñeiro)

Nas últimas semanas graváronse varias entrevistas con mulleres do territorio nas que contan as súas historias persoais ao tempo que comentan as principais diferencias entre a vida que elas levaron e a das xeracións máis novas.  A peza é a primeira dunha serie que se pretende ir ampliando en anos sucesivos contando coa participación de máis veciñas de Moeche de distintas idades, abordando outras cuestións que tamén se analizarán desde a ollada feminina.

A produción do documental está financiada cos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de xénero. O seu pase en primicia o día 19 irá seguido duns petiscos e, segundo avanza a concelleira de Igualdade, Cris García Rey, “tamén teremos algunha sorpresa para as mulleres que participaron”.

Declaración Institucional do Día Internacional da Muller