O Concello de Moeche e a Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC), dependente da Deputación da Coruña, renovaron este 18 de febreiro o convenio en materia de aforro e eficiencia enerxética. O convenio foi asinado, en representación da FAEPAC, polo presidente de Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e, en representación do Concello de Moeche, polo concelleiro Moisés García Fernández.

A sede da Deptuación da Coruña acolleu a sinatura deste convenio por parte de varios concellos coa entidade provincial, entre eles o Concello de Moeche. O texto asinado recolle o compromiso da FAEPAC de ofrecer asesoramento técnico en todas aquelas actuacións de tipo enerxético desenvolvidas polo Concello, que permiten manter unha liña constante no control e aforro enerxético, o asesoramento veciñal nesta materia e seguir realizando varias intervencións para evitar e minimizar as consecuencias da denominada “pobrexa enerxética”

Moeche sumouse a esta colaboración por primeira vez en 2017. Nos últimos anos o Goberno municipal acometeu varias e importantes medidas de aforro enerxético que afectan ás potencias contratadas, instalación de rearmables e reloxos astronómicos ou á progresiva reorganización de luminarias e instalación de iluminación LED, iniciativas e proxectos para os que contou co asesoramento do persoal técnico da FAEPAC.

Todas estas actuacións dan resposta, así mesmo, ao compromiso adquirido polo Concello cando se sumou ao Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía Sustentable e cando, posteriormente, aprobou en sesión plenaria o seu propio PACES, Plan de acción polo clima e a enerxía sustentable. O PACES é un documento elaborado polo Concello con financiamento europeo no que se recollen un conxunto de accións e compromisos do entidade local ante o reto de acadar un sistema de enerxía sustentable e colaborar no coidado da Terra.

A axencia provincial prosegue na súa función de prestar asesoramento técnico en todas as actuacións que desenvolva o Concello de Moeche en materia enerxética. Neste sentido, realízase un seguimento e control do consumo de electricidade, calefacción dos servizos públicos e manterase informado ao concello sobre as modificacións lexislativas e de tarifas, as convocatorias de axudas públicas e os novos materiais, produtos sistemas e servizos susceptibles de ser implantados nas instalacións municipais.

Pola súa parte o Concello deberá colaborar economicamente nos gastos derivados do desenvolvemento do acordo con 1.519,00 euros (IVE incluído). O convenio terá unha duración dun ano e a partir de aí poderá irse renovando por acordo de ambas partes.

O concelleiro, Moisés García, salientou a importancia de manter en activo este acordo xa que “ o traballo de asesoramento nos proxectos e de pautas a seguir que se deriva do acordo dá bos resultados, como se pode ver na redución da factura municipalda luz pública nestes últimos anos, pese á constante e coñecida suba de tarifas á que estamos sometidos Administracións e veciñanza”