O Concello de Moeche foi seleccionado para desenvolver o segundo proxecto piloto galego de comunidade enerxética local do proxecto CELRURAL, un proxecto financiado con fondos europeos do programa de cooperación transfronteiriza Interreg POCTEP España-Portugal, e conta coa participación da FEGAMP e da Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), entre outras entidades. Este recoñecemento é un gran impulso para o proceso de creación da comunidade enerxética, iniciado hai un par de anos e concretado na constitución hai uns meses da Asociación Comunidade Enerxías Renovables Moeche- ACER Moeche-. O proxecto CELRURAL foi recoñecido co premio internacional “Roger Léron” á innovación na transición enerxética, entregado por FEDARENE
No mes de marzo o Concello de Moeche (A Coruña) presentouse xunto con outros concellos á convocatoria de selección dun concello piloto, impulsada pola Fegamp, no marco do proxecto CEL Rural, e , finalmente, resultou seleccionado para desenvolver o segundo proxecto piloto en Galicia do proxecto CELRURAL, que ten como obxectivo a implementación de enerxías renovables en zonas rurais mediante comunidades enerxéticas locais.
O proceso participativo valorou criterios técnicos, sociais e de viabilidade territorial. Moeche acadou a nota máis alta destacando polo seu compromiso institucional, potencial en innovación social e aliñamento cos obxectivos estratéxicos do proxecto. A elección como piloto supón un recoñecemento ao compromiso co desenvolvemento local sostible e participativo
A comunicación oficial desta selección celebrouse esta mañá nunha reunión que tivo lugar na Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), como socia do proxecto, na que participaron a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, e Pablo Álvarez, do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG). Pola FEGAMP participaron a súa secretaria xeral, Patricia Vilán, e a técnica de proxectos europeos, María Lamelas.
Na reunión avaliouse o proceso seguido para esta selección, proceso que comezou co encontro informativo celebrado na FEGAMP o pasado 20 de marzo no que participaron unha trintena de concellos para coñecer todas as cuestións sobre a segunda convocatoria de financiamento para comunidades enerxéticas rurais dentro do proxecto CELRURAL.
De seguido, vinte e dous concellos manifestaron o seu interese en participar no proceso de selección, no que tiveron que achegar información sobre o compromiso co proxecto e con todo o vencellado coas comunidades enerxéticas locais, sobre a infraestrutura existente e sobre a implicación de tecido económico e social local. Tamén se comprobou a condición de concello en transición xusta e participante no reto demográfico, a localización da futura instalación e a participación na convocatoria anterior do proxecto.
O proceso rematouse coas entrevistas aos concellos que presentaron as propostas máis axeitadas, acadando Moeche a puntuación máis alta. E con todo feito, na recente xornada de seguimento do proxecto CELRURAL, celebrada en Ávila, adoptouse a decisión de que fose Moeche o segundo concello galego en desenvolver o piloto de comunidade enerxética local, despois de Xermade, que xa foi seleccionado o ano pasado e que exemplifica como se pode aproveitar o uso de fontes de enerxía renovables de forma eficiente e colaborativa, compartindo enerxía entre os puntos de xeración e os consumidores locais, contribuíndo así á sostibilidade enerxética e o desenvolvemento local.
Despois de ser seleccionado, o Concello de Moeche celebrará unha vindeira xuntanza en xuño con todos os membros da comunidade enerxética e cos representantes do proxecto CEL Rural para comezar a desenvolver unha folla de ruta exhaustiva cun orzamento de 50.000 euros, que englobará iniciativas técnicas para a monitorización do consumo eléctrico e os coeficientes de reparto, para a formación dos socios locais participantes, para a promoción e a difusión do proxecto, entre outras iniciativas, para rematar todo no final do primeiro semestre de 2026.
“Ser seleccionado como concello piloto permitirá dar un gran impulso na posta en marcha da infraestrutura da comunidade enerxética – segundo expresaba a alcaldesa tras a xuntanza de hoxe- e queremos agradecer esta iniciativa ao Instituto Tecnolóxico de Galicia e a Fegamp, xa que proxectos coma este, concretos e tanxibles rno terreo, son moi positivos para os concellos rurais”. A iniciativa de chegar a constituír unha comunidade enerxética foi impulsada polo Concello de Moeche co apoio de veciños e veciñas interesadas no proxecto xa desde hai un tempo. Foron dándose pasos nestes anos malia a complexidade do proceso – xuntanzas informativas, integración no proxecto europeo Life EC4 Rural, contratación do estudo de viabilidade, e un dos últimos avances, determinante, foi a constitución da Asociación Comunidade Enerxías Renovables Moeche- ACER- integrada por veciños e veciñas e polo propio Concello, quen aprobou en Pleno xa no pasado mes de outubro a súa integración na asociación como un membro máis.
Premio internacional Roger Léron ao proxecto CELRURAL
O proxecto CELRURAL vén de ser recoñecido recentemente co premio “Roger Léron” á innovación na transición enerxética, entregado pola Federación Europea de Axencias e Rexións para a Enerxía e o Medio Ambiente (FEDARENE). A este premio optaron preto de cen proxectos.
O premio foi recollido polo director da división de Enerxía e polo enxeñeiro de Enerxía de ITG, Santiago Rodríguez e Pablo Álvarez, respectivamente, na gala celebrada en Bruselas a semana pasada, sendo ITG a entidade que lidera o proxecto CELRURAL. O propio premio presidiu a reunión celebrada hoxe, por cortesía de Pablo Álvarez, compartindo o recoñecemento coa FEGAMP e coas demais entidades socias do proxecto.
O proxecto CELRURAL está financiado con fondos europeos do programa de cooperación transfronteiriza Interreg POCTEP España-Portugal, e conta coa participación da FEGAMP, da Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), da Universidade do Algarve, da Comunidade Intermunicipal do Cávado, da Universidad de Sevilla, da Agência Regional de Energía e Ambiente do Algarve (Areal), da Diputación Provincial de Ávila, e do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA).
Últimos comentarios