Hoxe tivo lugar a primeira xuntanza informativa dos alcaldes e alcaldesas dos concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal que están no máximo nivel de restricións e os representantes da Consellería de Sanidade, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña,e o secretario xeral técnico, Alberto Fuentes, e o xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio. O obxectivo desta reunión, celebrada por videoconferencia, foi aclarar as posibles dúbidas ante a aplicación das novas medidas e valorar a nova situación na comarca
Os representantes da consellería trasladaron a preocupación pola gravidade da situación, especialmente pola presión hospitalaria e o incremento incesante de casos activos e insistiron na importancia de que todas as persoas cumpramos as normas sanitarias .
Na primeira parte da reunión o secretario xeral informou de que a dia de hoxe o total de casos activos na área sanitaria de Ferrol é 1192 , nesta cifra non se inclúen os casos activos en residencia de maiores. Destes 1192 casos, 110 están hospitalizados e os restantes en domicilio, onde se lles fai o seguimento médico. O secretario xeral tamén achegou os datos por concellos. Segundo a información ofrecida á alcaldesa , Moeche ten a día de hoxe 20 de xaneiro :
– Casos directos activos hoxe 20 de xaneiro: 34
– Incidencia acumulada nos últimos 14 días: 24, o que vén significar unha incidencia de 1850 por cada 100.000 habitantes.
Deuse conta das medidas máis salientables do novo nivel de restricións no concello de Moeche e os demais concellos integrados no nivel máximo:
- Peche perimetral e individual de todos os concellos afectados da comarca. Poderase saír do concello exclusivamente por razóns laborais, sanitarias, educativas e outras excepcións previstas na normativa (coidado de maiores ou persoa a cargo, da horta, dos animais, etc.)
- Para os establecementos de hostalería: o interior permanecerá pechado ao público e só poderán abrir as terrazas (máximo do 50 % da ocupación) ata as 18.00 horas.
- Os grupos, como en calquera espazo, serán como máximo de 4 persoas.
- Poderán prestarse servizos de entrega a domicilio (ata as 00.00h) ou para a súa recollida no local e consumo a domicilio (ata o toque de queda).hora.
Convén lembrar que estas medidas súmanse ás que xa tiñamos ata agora:
- Toque de queda ás 22.00 horas ata as 06.00 h
- Grupos máximo de 4 persoas
- Enterros e cremacións máximo 25 asistentes.
- Velorios en interior, 10 persoas, e en exterior, 25.
- Comercios aforo ao 50% da súa capacidade
E tamén convén termos presentes as recomendacións de reducir a mobilidade o máximo posible, limitándose ás actividades esenciais.
Tras expoñer os datos e medidas, os alcaldes e alcaldesas comunicaron as súas dúbidas en canto á súa aplicación, que se centraron nas excepcións ás limitacións de mobilidade, nas normas de piscinas e vestiarios, a posibilidade de facer peches por agrupacións de concellos e a inclusión do persoal do SAF no calendario máis inmediato do programa de vacinación. O conselleiro informou de que esa incorporación estaba prevista de acordo coa definición dos grupos de maior a menor do calendario de vacinación e agárdase empezar a vacinar a partir de marzo.
A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, agradeceu a convocatoria desta reunión e a información puntual que a diario está a ofrecer o xerente da Área Sanitaria, Ángel Facio. A rexedora trasladou a súa preocupación por unhas medidas urxentes para a realización ou non de feiras e mercados e o seu control nesta situación en comparación cos centros comerciais e establecementos similares. O secretario xeral manifestou de momento desde a Administración autonómica non hai ningunha nova disposición ao respecto e de momento será decisión dos concellos suspender estes eventos ou non. A alcaldesa comunicou a decisión municipal de suspender a próxima feira, por ser un espazo de difícil control respecto do cumprimento estrito das medidas e sobre todo no marco da elevada incidencia no municipio. O secretario xeral valorou positivamente a decisión municipal e coincidiu co alcaldesa en que diferente é a situación do mercado, facilmente controlable o acceso, o mantemento das distancias e o uso de máscaras.
Na segunda parte da reunión, centrada en temas asistenciais, a alcaldesa comunicoulle ao xerente da Área Sanitaria unha das situación máis preocupante que se empeza a dar co incremento de casos activos, a de persoas de avanzada idade confinadas por ser positivos, soas nos seus domicilios, co único soporte do SAF municipal e “coa dificultade de manter o soporte veciñal ou familiar polo risco de contaxio” O xerente comprometeuse a trasladar esta problemática que afecta aos de maior idade.
Bascoy sinala que “Moeche reorganizou e incrementou o SAF, coa contratación de tres persoas nas últimas semanas, e puxo en marcha o servizo de axuda na compra de alimentos e medicamentos pero estas situacións puntuais que se están dando van máis alá dun servizo de SAF con recursos limitados” Por outro lado, o concello está achegando material de protección a aquelas persoas que están pendentes das necesidades de persoas con positivos confirmados, maiores e soas.
O conselleiro pechou a reunión sinalando que as medidas adóptanse progresivamente segundo indica a situación e que estas xuntanzas se repetirán cada semana mentres nos manteñamos no máximo nivel de restricións.
CONVÉN NON ESQUECER :
- Cumprimento das normas sanitarias: distancia interpersoal, uso de máscara e lavado de mans,
- En caso de síntomas chamar ao 900 400 116
- De ser contacto cun positivo, lembrar que debemos autoconfinarnos ata pasarmos a corentena e obedecer as indicacións do persoal sanitario.
Enlace a restricións actuais
Últimos comentarios