O Concello de Moeche pídelles a Augas de Galicia e ao Seprona información das “accións” que se están levando a cabo para esclarecer a mortaldade de troitas no Xuvia

O Río Grande de Xuvia apareceu na fin de semana inzado de peixes mortos ao seu paso por San Sadurniño. A voz de alarma deuse o domingo ao detectar ducias de exemplares afundidos nos remansos e represas do tramo urbano do cauce. Xa naquel momento veciñanza e Concello comunicáronlle a situación ao departamento de protección ambiental da Garda Civil, quen se desprazou ata o lugar para iniciar as pesquisas. Porén a cousa non parou aí, senón que posteriormente informouse de que tamén había troitas e reos mortos río arriba, seguindo o curso por Ferreira, Lamas e mesmo Moeche. O goberno local modestino comprobou onte mesmo que o problema se repite alomenos ata o límite fluvial coas Somozas, polo que xa o  puxo en coñecemento tanto do Seprona como de Augas de Galicia, instando a ambos organismos a que manteñan informado ao consistorio sobre as “accións” que se están levando a cabo “co fin de coñecermos a causa e orixe destes feitos”.

Beatriz Bascoy explica que, a raíz dos primeiros avisos, varios membros do goberno local acompañados dalgúns veciños “foron mirar o tramo de río que pasa polo noso territorio” e puideron comprobar que nel tamén había cadáveres de troitas e reos, “moitos acumulados na zona recreativa de Souto Grande”. Segundo a rexedora, na batida efectuada polo seu equipo remontando o río ata o límite coas Somozas -onde o curso se bifurca entre o Xuvia e o rego das Ferrerías- “seguimos contando ducias de peixes mortos”, polo que desde o consistorio se apunta a que a orixe do problema “ten que estar nalgún punto de aí para arriba”.  A alcaldesa informou tamén que hoxe mesmo contactou telefonicamente co seu homólogo nas Somozas, Juan Alonso Tembrás, quen, segundo Bascoy, lle asegurou que ata o momento  “non tiña noticia” do sucedido nin tampouco de que houbese nada anormal na súa rede fluvial.

En calquera caso, desde o Concello de Moeche púxose o ocorrido en coñecemento da Garda Civil, do Servizo de Protección da Natureza de Ortigueira -dependente tamén da Garda Civil- e do ente público Augas de Galicia, de cara a a que ampliasen as pesquisa iniciadas o domingo en San Sadurniño tamén ao territorio modestino e somocense. Beatriz Bascoy  cualificou a situación como “un problema ambiental moi grave” que merece “destinar os recursos que fagan falta” para esclarecer as razóns que provocaron a morte dos peixes “e que poderían ter incidencia tamén noutra fauna e na flora”.

Do mesmo xeito, a alcaldesa solicitou destes organismos que manteñan ao tanto ao consistorio sobre o avance e os resultados das investigacións que se leven a cabo.