O próximo 25 de novembro celébrase o Día Internacional da eliminación da violencia contra das mulleres. Unha data marcada pola ONU para concienciar a sociedade sobre un problema que trascende fronteiras, culturas e estratos sociais. Malia que o nome se refire a “violencia” en singular, realmente son moitas as violencias que sufrimos as mulleres polo feito de sermos mulleres: violencia física, maltrato psicolóxico, diferenzas salariais, falla de corresponsabilidade, etc. 17 concellos galegos impulsaron o ano pasado a campaña “En negro contra as violencias” coa que se tenta situar na axenda política e no debate social a loita contra todas as violencias machistas. Neste 2017 xa son 75 consistorios -entre eles Moeche-, 3.330 establecementos e entidades, ademais das deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, quen se suman á reivindicación con accións como e a colocación de bandeiras de cor negra por toda Galicia. Quen queira unirse á campaña pode recoller a súa no Concello.

A violencia machista é a expresión máis extrema das desigualdades sociais que viven as mulleres. Un tipo de violencia que sofren as mulleres polo simple feito de o seren, unha desigualdade silenciada, agochada e en moitos casos normalizada. Segundo os datos da última Macroenquisa de violencia contra as mulleres realizada no 2015 polo Ministerio de Sanidade, Servizos Socias e Igualdade, un 13% das mulleres residentes en España de máis de 16 anos declaran ter sufrido violencia física ou sexual nalgún momento da súa vida por parte da parella ou exparella, un 26% violencia psicolóxica de control -celos, control de horarios e actividades etc.- e un 20% violencia psicolóxica emocional -insultos, intimidacións, ameazas verbais, etc-. Dende 2003 ata maio do 2017, a Delegación de Goberno rexistrou 53 asasinatos machistas en Galicia, e 780 en España. No que levamos de ano contabilizáronse un total de 44 mulleres mortas a mans das súas parellas ou exparellas.

Co obxectivo de promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres,  o Concello de Santiago impulsou en 2015 a campaña de sensibilización “Compostela, en negro”, na que se implicaron arredor de 300 establecementos comerciais e axentes sociais do municipio. A acción consistiu en tinguir de negro a cidade a través dos escaparates, os manequíns, a roupa de traballo; vestir loito en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista e como resposta á máis dura das súas consecuencias: a morte.

Un ano despois foron dezasete municipios quen fixeron súa a iniciativa coa denominación “En Negro contra as violencias machistas” e, neste 2017 a cifra elévase a 75, ademais de tres deputacións provinciais e arredor de 3.200 entidades, tanto públicas como privadas. A campaña presentouse hai uns días en Bruxelas e este mércores asinouse en Santiago o protocolo de colaboración para levala adiante, no que se recolle o compromiso dos municipios asinantes para desenvolver accións coordinadas que sitúen a erradicación da violencia de xénero na primeira liña das súas políticas.

“En Negro contra as violencias” ten  unha compoñente de difusión social a través da web www.ennegrocontraasviolencias.gal e das redes Facebook, Twitter e Instagram, onde se usarán os hashtags #GaliciaEnNegro, #ContraAsViolencias e #EnNegroContraAsViolencias. Porén, quen queira facer ver a súa repulsa contra as violencias machistas tamén pode colocar na fiestra a bandeirola deseñada coa imaxe da campaña. Hai dúas opcións, descargala desde aquí e despois imprimila ou ben pasar polo Concello, onde hai un lote para repartir entre a veciñanza.

Alén de adherirse ao protocolo e de colocar hoxe mesmo unha grande pancarta na fachada do Concello, Moeche tamén programou outras actividades de concienciación que chegarán á comunidade escolar e tamén ao resto da veciñanza. Así, a semana que vén celebrarase un pleno infantil onde a rapazada lucirá camisetas co lema “Moeche en negro” e onde se coñecerán os lemas a prol da igualdade do concurso que organiza o Concello co gallo do 25 de novembro en colaboración co profesorado do centro de ensino. Ademais, o persoal que serve o xantar no comedor tamén vestirá un delantal negro coa mensaxe da campaña.

O Concello busca, ademais, a participación dos establecementos comerciais e dos locais de hostalaría distribuíndo carteis de “Espazo Libre de Violencias Machistas” que, no caso de bares e restaurantes, se completan con delantais reivindicativos.

Maxia pola Igualdade
No marco do 25-N, a área de Cultura tamén programou para este sábado a partir das 19.00h. o Centro Cultural Francisco Piñeiro -Trieiro, Abade- acollerá o espectáculo “Maxia pola Igualdade” da ilusionista Fani Triana.

Nos seus números, Triana bota man de obxectos cotiáns, como a louza, as vasoiras e outros elementos do fogar utilizados como apoio da maxia, pero tamén da ruptura de estereotipos de xénero. Ata a propia sesión é rompedora e normalizadora, posto que é unha muller quen protagoniza o espectáculo coa axuda dun home -o tamén mago Martín Camiña-, invertindo deste xeito os roles que tradicionalmente se asocian a este tipo de espectáculos. A entrada é gratuíta.

Ademais de comprometernos con este tipo de campañas, todas e todos debemos ter conciencia dun problema que temos máis preto do que pensamos. Un problema social que cómpre afrontar con firmeza como o que é, un problema da sociedade que trascende a casa de cadaquén. Por esa razón é importante que as vítimas denuncien (o teléfono 016 que non deixa rastro na factura é unha das vías). Pero tamén é importante que ninguén mire para outro lado e que saibamos ofrecerlle apoio ás mulleres e familias vítimas da violencia machista.