Nai do Rexurdimento do galego como lingua culta, grande na poesía e na prosa, avanzada ao seu tempo pola súa reivindicación da igualdade para a muller, pero tamén da xustiza social… Rosalía de Castro é unha figura universal á que todos os anos no mes de febreiro, cadrando co aniversario do seu nacemento (24 de febreiro de 1837), se lle rende tributo e se aproveita para descubrir ou revisar algunha das súas múltiples facetas. A rapazada do CLIA únese a esta homenaxe con varias actividades previstas para o sábado 29 de febreiro. Encádranse na iniciativa “O galego rebélase”, coa que poñen de manifesto os dereitos das minorías lingüísticas recoñecidos pola ONU. Ademais, este sábado 22, o Concello tamén organiza un sorteo de libros da autora e sumarase á campaña da Fundación Rosalía de Castro, nunha acción que terá lugar na Nave do Mercado a partir das 11.30h.

A campaña céntrase no “Caldo de gloria”, do que se fala no poema de Follas Novas “Miña casiña, meu lar”. Nel unha muller pobre chega á casa mollada e esfameada e, a pesar de carecer de todo, consegue a milagre da supervivencia facendo un humilde caldo de gloria e un bolo do pote, quentarse ao pé do lume e mesmo sentir certa felicidade.

Seguindo a proposta da Fundación Rosalía de Castro, o Concello de Moeche distribuirá manteis de papel e volantinas conmemorativas do Día de Rosalía nos restaurantes do municipio, no mercado e no comedor do CEIP San Ramón. Ademais tamén se convida á veciñanza a sumarse á celebración impulsada pola fundación rosaliana de múltiples maneiras: preparando o caldo de gloria na casa -seguindo a receita do poema recollida polo gastrónomo Picadillo-, lendo poemas da escritora e, importante, compartindo todos eses xestos nas redes sociais cos cancelos #CaldodeGloria #DíadeRosalía

O sábado seguinte, día 29 de febreiro, a antiga nave dos tecidos tamén acollerá ás 11.30h. o acto organizado polo Consello Local da Infancia e a Adolescencia de Moeche, quen aproveita a ocasión e a figura de Rosalía para seguir traballando na reivindicación dos dereitos das persoas falantes de linguas minorizadas, como é o caso do galego.

Empezarán cunha lectura colectiva de poemas da escritora dando a posibilidade de que calquera poida sumarse. Logo, aí das 11.45h., levarán a cabo a experiencia “Falando coas nosas maiores”, coa que pretenden estudar e coñecer as diferenzas xeracionais á hora de se relacionar co galego.

O ramo ás actividades poranllo coa “Xincana Rosaliana” na que poderán participar xente miúda e xente adulta en equipos de catro ou cinco persoas. Deberán superar varias probas sobre Rosalía e a lingua galega para conseguir un pequeno agasallo.