O Concello de Moeche súmase un ano máis á celebración da “Hora do Planeta” promovida pola ONG WWF. Este ano, con motivo da pandemia será un evento dixital, pero miles de cidades e vilas ao redor do mundo vanse sumar apagando os seus edificios e monumentos máis emblemáticos. No caso de Moeche este sábado 27 de marzo, de 20.30 h a 21.30h apagarase a iluminación da Casa do Concello, do parque infantil e do Castelo.

“A Hora do Planeta” nace en 2007 como un xesto simbólico para chamar a atención sobre o problema do cambio climático e hoxe é, tal e como presentan na súa web, un “movemento global co que se pretende lembrar que a natureza é o sistema de soporte vital do planeta, que nos brinda todo o que necesitamos, desde o aire que respiramos ata a auga que bebemos e os alimentos que comemos e que debemos defendela agora para salvagardar a saúde do noso planeta e, á súa vez, nosa propia saúde e benestar”. Esta iniciativa contou nas súas últimas edicións coa participación de milleiros de cidades de case 200 países do mundo, que apagaron máis de 17.000 monumentos e edificios emblemáticos.

Este ano, volverá celebrarse de maneira dixital con diversos eventos virtuais no que millóns de persoas de todas as culturas estarán conectadas en defensa da natureza. Ademais WWF España organizará un evento dixital cunha programación especial o vindeiro sábado 27 de marzo, 13 anos despois da primeira edición, desde a súa canle de Youtube de 20:15 a 21:30 poderedes seguir un programa especial sobre a natureza que fará un percorrido polas paisaxes máis asombrosas do planeta e da xeografía española onde traballan para conservar estes espazos.

Vós tamén podedes sumarvos a esta iniciativa, apagando as luces e desconectando aparellos eléctricos dos vosos fogares na tardiña deste sábado 27 de marzo entre as 20.30h e as 21.30h ou difundido a información desta campaña cos vosos coñecidos e a través das redes sociais.