O Concello de Moeche uniuse un ano máis á Campaña de sensibilización “Liberdade de Ser e Sentir!” impulsada desde a área de Políticas de Igualdade da Deputación da Coruña con motivo do día da diversidade sexual, unha iniciativa que busca informar e sensibilizar nun tema tan importante como é a liberdade afectivo-sexual.

Son aínda demasiados os lugares e situacións nos unha persoa sofre discriminación pola súa orientación sexual, a súa identidade de xénero, a súa expresión de xénero ou as súas características sexuais. Insultos, acoso, agresións físicas ou a negación de postos de traballo son algúns dos tratos discriminatorios máis habituais, que milleiros de persoas sofren no seu día a día. É por isto que resulta imprescindible traballar xuntas para acadar unha sociedade respectuosa e igualitaria, na que toda persoa poida sentirse orgullosa de ser quen é e de amar a quen ama.
Este ano a campaña estase a desenvolver dun xeito diferente por mor da situación sanitaria que estamos a vivir. Todas as actividades están en formato dixital, e son compartidas de xeito gradual dende 8 ao 28 de xuño na plataforma seresentir.gal.

Esta é unha campaña pensada para todas, con contidos específicos para todos os públicos e idades: palestras e entrevistas virtuais relacionadas coa diversidade sexual tratadas desde diferentes ámbitos sociais, contacontos LGTB, difusión dunha serie web sobre educación sexual para adolescentes ou recomendacións literarias, de cine e de ensaio, son algunhas das propostas que nos achegan dende a área de Igualdade da Deputación.

Palestras e entrevistas virtuais
Trátase de catro conversas temáticas centradas na diversidades sexual para falar dos dereitos, barreiras e liberdades, tratadas desde diferentes ámbitos sociais.
– Visibilidade LGTBQI+ no deporte, coa participación da Karateka Cristy Tojo e a xornalista Bárbara G. Vilariño.
– Diversidade sexual na infancia e na adolescencia, coa participación de Inés del Río (pediatra e forma parte do comité de bioética da Asociación Española de Pediatría), Noemí Díaz (Rede de apoio LGTBQI+ nas escolas galegas) e Enrique Latorre, filósofo e investigador da USC.
– Tratamento informativo do colectivo LGTBQI+ nos medios de comunicación, coa participación de Ángela Fernández (Colexio de Xornalistas de Galicia), Daniela Fernández (coordinadora do blog Corpos Incómodos) e a xornalista Bárbara G. Vilariño.
– Literatura e diversidade sexual con María Reimóndez (tradutora, intérprete e escritora), Lucía Aldao (poeta e artista galega) e Martín Añel (do Club de Lectura LGTB Queeruña).
Deixámosvos a ligazón á terceira das palestras, que leva por título “Tratamento informativo do colectivo LGTBQI+ nos medios de comunicación”, coa participación de Ángela Fernández, Daniela Ferrández e Bárbara G. Vilariño.

 

Serie web S.E.X
Esta serie é un proxecto de educación sexual dirixido á adolescencia que xorde da necesidade de introducir a perspectiva feminista na educación sexual dos e das adolescentes, mais tamén como un xeito de promover a igualdade de xénero e o respecto, difundir elementos básicos de saúde ou previr conductas de risco.
Elaborada en colaboración con ASEIA, conta tamén co apoio de Sociedade Galega De Sexoloxia e a Fundación Paideia Galiza, foi premiada na segunda edición do Premio Luisa Villalta de proxectos culturais pola igualdade da Deputación da Coruña.
Aquí o primeiro capítulo, pero podes velos todos na súa canle de youtube.

 

Concurso “Balcóns da Diversidade”
A bandeira coas cores do arco da vella xa pendura dende hai 2 semanas do balcón do concello de Moeche, tal e como nos animan dende a deputación co concurso, para que durante o mes de xuño enchamos os balcóns e fiestras coas cores do arco da vella para reivindicar a liberdade de ser e sentir!
Para participar debedes publicar en Facebook unha imaxe da vosa fiestra ou balcón decorada coas cores do arco da vella (debuxos, bandeiras… ou calquera outro formato artístico), entre o 12 e o 28 de xuño, empregando o cancelo #seresentir. A foto que máis “gústames” obteña será a gañadora.

 

Contacontos Planeta LGTB
Da man de Felipe Díaz (Caxoto), actividade para as crianzas coa que reflexionar sobre a riqueza da diversidade e sobre o colectivo LGTB. A primeira parte está dispoñible dende hoxe 23 de xuño, e o próximo xoves estará dispoñible a segunda parte, a cal poderedes visualizar ata o domingo 28 de xuño.

 

Visita a web seresentir.gal para acceder a toda a información, e non esquezas compartir nas túas redes sociais utilizando o cancelo #seresentir.