Patrimonio arquitectónico

Igrexas e capelas

Unha mostra da importancia da arquitectura relixiosa no Concello de Moeche.

Igrexa de San Xurxo

Situada no entorno do castelo, trátase dunha igrexa de asilo. Nela destaca o seu campanario barroco cunha balaustrada de pedra e dúas campás, nunha dela reza a inscrición “con mi sonoro son serviré por que aproveche a los vecinos de Moeche y a San Jorge su patrón”. A época da súa construción no é coñecida pero no seu interior hai unha lápida de toelo do ano 1099. Adosada á igrexa está a capela de Mesía, probablemente do s. XVII, doada pola familia do mesmo nome. Nesta parroquia topamos tamén a capela de San Marcos, logo do lugar da Ponte.

Igrexa de Sta. Cruz

Igrexa de asilo, como a de San Xurxo. Presenta decoración de placas recortadas, propia do s. XVIII. No s. XIX reedificouse a fachada. Nesta parroquia atópase, tamén, a capela de San Cibrao, no lugar da Ermida.

Igrexa de Labacengos (s.XVI)

Na última restauración, a finais do s. XX promovida pola Asociación de Mulleres Rurais de Labacengos, recuperánronse os frescos barrocos que ainda se conservaban. Conta, tamén, cunha antiga pía bautismal. Na mesma parroquia atópase a capela de San Xiao dos Ósos, da que temos referencia dende o século XIII como cesión ao Mosteiro ourensán de Oseira. No século XV sabemos que foi un importante centro de peregrinación. Dentro desta capela podemos ver dous sartegos antropomorfos da época baixomedieval, mais non é posible concretar a súa cronoloxía de forma exacta.

Igrexa de Abade (s.XVI)

Na parede orientada ao sur ten un reloxo de sol con inscrición pétrea.

Igrexa de San Xoan

Sabemos que a súa capela maior se reconstruíu no s. XVIII. A capela de San Ramón, tamén nesta parroquia, destaca polo campanario que imita ao da igrexa de San Xurxo.

Cruceiros e Cruces

Case todos os cruceiros de Moeche teñen unha orixe común: Antonio Rodríguez “O Quinto”, o canteiro local que os moldeou en toelo no seu obradoiro entre os séculos XIX e XX.

Cruceiro de San Xurxo

Destaca este cruceiro por ser unha obra complexa do ano 1905, pola súa monumentalidade e perfección técnica, froito da man de varios canteiros, entre eles o mencionado Antonio Rodríguez. O seu fuste tiña como destino terras inglesas pero o carro que o transportaba para o seu embarque en Xuvia no puido soportar o peso da peza de cantaría de 7 metros.

Cruceiro de S.Xiao

Situado preto (pero non ao pé) da capela de San Xiao, é o cruceiro máis antigo de Moeche e probablemente de toda a comarca. Destaca pola escasa altura do seu fuste.

Peto de ánimas

No lugar de Rañal (San Xurxo), podemos ver un peto de ánimas do ano 1882, obra tamén de Antonio Rodriguez. Ademais dos cruceiros, en moitos lugares do concello atópanse cruces en memoria dalgún falecido ou como protección nos cruces de camiños ou campos de labor.

Os Muiños

Como parte da arquitectura tradicional encontramos espalladas polo concello numerosas fontes, lavadoiros e muíños.

Muiños de Boucido

Os muíños de Boucido (Labacengos) conforman un conxunto etnográfico único, un bloque de sete muíños comunitarios en serie, todos interrelacionados e incluso algúns deles intercomunicados. A súa construción corresponde a diferentes épocas e os seus elementos reflicten a evolución da tecnoloxía.

Muiño da Ponte

De propiedade privada, foi parcialmente restaurado nos anos 80. É un dos últimos muiños que se mantivo en funcionamento no concello.

Fontes

Das fontes destaca a fonte de Ramil, situada no lugar de Ramil (San Xoán), e a fonte de Ponte do Sur (San Xurxo), na foto, e que data do 1900 segundo unha inscripción que se atopa na propia fonte.