En agosto, mes de vacacións por excelencia, en toda a volta multiplícanse as propostas de lecer máis aló das tardes de praia, río ou piscina. E en Moeche esta fin de semana vai ser especialmente intensa entre citas preparadas polo Concello e polas entidades veciñais. A programación municipal proponnos cine nocturno ao aire libre este venres, a exitosa xeorruta polo interior de Mina Piquito o sábado pola mañá (só quedaban dúas prazas no momento de redactar esta información) e, o domingo, unha nova sesión de “O castelo non é para nós”, a serie de visitas teatralizadas que se están desenvolvendo este verán na fortaleza, onde tamén podemos visitar ata fin de mes a exposición de madeira do ebanista local José Fernández. Por outra banda tamén temos o sábado o xantar de confraternidade da AVCR Val de Moeche e de venres a domingo, na pista de Abade, o II Torneo de Pádel de Moeche. ¿Quen dá máis en tan pouco tempo?
A primeira cita, en orde cronolóxica, será a proxección do filme “Valentina” este venres a partir das 22:30h na área recreativa de Souto Grande. A película, dirixida e coproducida pola ferrolá Chelo Loureiro, está protagonizada por Valentina, unha nena que quere ser trapecista pero cre que nunca poderá conseguilo por ter síndrome de Down. A súa avoa -que lle ensina a xogar ao xadrez e unha chea de cancións- anímaa a perserverar e a non perder a ilusión. A longametraxe, moi recomendable para ver en familia, levou o premio Goya 2022 á mellor película de animación. O pase é gratuíto e sen necesidade de facer reserva de localidade.
Tamén o venres comezará o II Torneo de Pádel organizado polo Club de Tenis e Pádel de Abade coa colaboración do Concello e da Deputación da Coruña. Na pista do Trieiro, en Abade, desputaranse ata o domingo as categorías masculina A e B e mixta nunha competición cuxa inscrición ten un prezo de 20€, incluído o churrasco para repoñer forzas e un agasallo.
Os eventos do sábado son dous. O primeiro deles é a Xeorruta por Mina Piquito organizada polo Concello dentro do plan de dinamización do proxecto de xeoparque. A entrada nas galerías da antiga mina de cobre de Santa Cruz -que atesoura un dos espeleotemas máis vistosos do noroeste peninsular- farase en dous grupos de 10 persoas como máximo, un de 10:00h a 12:00h e outro de 12:10 a 14:10h. O itinerario, guiado por Fran Canosa, só dispón neste momento de dúas prazas libres na primeira quenda. Quen queiran reservalas deben facelo a través desta ligazón na web do proxecto, onde tamén se poden consultar as datas (e gardar sitio) doutras xeorrutas que se desenvolverán polos sete concellos até o 14 de setembro, todas elas cun prezo de 9€.
A segunda referencia para a xornada deste sábado 6 de agosto é o xantar festeiro e de confraternización que organiza a Asociación Veciñal Recreativa e Cultural Val de Moeche na área recreativa de Souto Grande a partir das 14:00h. Apuntade aí porque poucas opcións veredes coma esta para un sábado de verán á beira do río: empanada, melón con xamón, paella, xeado, proia, café, bebida e chupiños… e a actuación do grupo folk Lenda Ártabra xunto co grupo de Cantos de taberna de Moeche. O prezo son 12€ para persoas socias e 18€ para non socias. A reserva hai que facela o antes posible chamando ao 622 916 160.
Domingo no castelo
A última proposta cultural da “finde” é “O castelo non é para nós” –domingo, 12:00h-, unha montaxe histórica e humorística protagonizada por Pedro Álvarez de Osorio -Conde de Lemos- e a súa dona, Beatriz de Castro, con quen percorreremos a fortaleza medieval nunha sorte de “reinauguración” do edificio tras ser destruído polos Irmandiños. A peza interprétana Raquel G. Crespo e Yago Espasandín partindo dun libreto que combina ficción e realidade en cuxa escritura tamén participou o técnico municipal de Turismo, Ramón Carballeira.
As entradas son limitadas e hai que reservalas previamente chamando ao 981 404 006 ou no correo turismo@moeche.gal. Teñen un prezo único de 5€ para maiores de 6 anos. A última oportunidade para ver -máis ben participar- na obra terémola o próximo 27 de agosto ás 16:30h.
Na sala de exposicións do castelo tamén se poden admirar ata fin de mes as pezas feitas en madeira polo ebanista local José Fernández. Trátase dunha mostra que merece moito a pena, xa que conta con impresionantes maquetas de edificios históricos -A Torre de Hércules e o propio castelo de Moeche- e de construcións tradicionais, ademais de reproducións de apeiros de labranza, xoguetes e outros obxectos. O propio Fernández explicará ao remate de “O castelo non é para nós” -domingo, a iso das 13:00h- como é o seu proceso creativo e cales son os seus próximos proxectos.
Últimos comentarios