Desde hoxe venres 5 de marzo ás 00.00 h en todos os concellos da Área Sanitaria de Ferrol entran en vigor as restricións correspondentes ao nivel 3. Medidas que se recollen na publicación do DOG, núm. 43 bis, onte xoves á noitiña. Moeche, que se mantiña en nivel 1 ata agora, deixará de estar pechado perimetralmente e poderemos desprazarnos a calquera concello que estea en nivel 3, como ocorre en todos os concellos da área sanitaria, excepto Cariño e Mugardos. As outras dúas modificacións máis salientables son, por un lado, a apertura da hostalaría no interior nun 30 % da capacidade e nas terrazas nun 50% das mesas que tivese autorizadas; e por outro, as reunións de non conviventes ata un máximo de catro persoas. Neste marco, Moeche  abrirá a feira o vindeiro 11 de marzo e o mercado semanal, o sábado 6.

O cambio a nivel medio ou 3 para o noso concello, que se mantiña no nivel máximo de restricións a causa da elevada incidencia que chegamos a ter, supón unha mellora nas restricions establecidas ata agora como para todos os concellos da Área Sanitaria de Ferrol,con excepción de Mugardos e Cariño que se manteñen en nivel 2, mais tamén exixe unha maior responsabilidade e precaución de todos nós co obxectivo de eliminar o risco de contaxio e non retroceder no proceso de “desescalada”.

As restricións recollidas nas normas aprobadas nos últimos días xunto coa normativa publicada onte no Diario Oficial de Galicia 43bis e que entra en vigor hoxe venres 5 de marzo, establecen :

– Remata o peche perimetral de toda a Área Sanitaria de Ferrol. Permítese a mobilidade entre concellos de Galicia que estean no mesmo nivel. As áreas sanitarias da Coruña e de Pontevedra seguen pechadas, polo tanto, non podemos desprazarnos a ningún concello desas áreas.

– Mantense o toque de queda desde as 22.00 horas ata as 06.00 h

– Feiras e mercados na rúa: 100% dos postos se habitualmente hai autorizados un máximo de 50; 75% dos postos se o seu número é de entre 75 e 100; e 50% se hai máis de 100 postos. Moeche retomará as feiras o 11 de marzo e o mercado semanal este sábado 6 de marzo.

– Hostalaría:

  • Apertura dos locais dispoñendo dun 30% de capacidade no interior e dun 50% das mesas que tivese autorizadas nas terrazas
  • Peche ás 18.00 h e mantense co servizo de recollida no local ata as 21.30 h e o reparto a domicilio até as 00.00 h.
  • Os locais de hostalaría deberán colocar en lugar visible os carteis deseñados conforme ao modelo da Xunta, neles indicarase a capacidade máxima interior e exterior, a porcentaxe de ocupación de acordo co nivel de restricións que lles afecte, o número de persoas que poderán ser atendidas en relación co espazo e o código QR, que ten como obxectivo poder facer un seguimento útil se se orixina un foco de COVID 19. O código é voluntario para a clientela.

Plan de hostalaría

Co fin de cumprir co establecido no Plan de Hostalaría da Xunta de Galica os locais deben rexistrarse na web de Turespazo, an que poderán descargar os carteis de uso obrigatorio e cubrir os formularios, así como calcular a capacidade permitida no seu local. A Xunta de Galicia, ante o elevado numero de acccesos á páxina de Turespazo, acaba de ampliar ata o 12 de marzo o prazo para obter esta cartelaría normalizada de capacidades de locais e o código QR.

Comercio: pode abrir cun máximo do 50% da súa capacidade e no caso de centros ou parques comerciais , ao 30%.

Deporte:

  • O deporte non federado, tanto ao aire libre como en espazos pechados, practicarase de forma individual ou en grupos de ata catro persoas sexan ou non conviventes, non conta neste número o monitor. Sempre se debe usar a máscara
  • As instalacións deportivas cubertas teñen limitada ao 30% a súa capacidade (tamén os vestiarios e zonas de ducha) .

Actividades en centros públicos ou espazos públicos

  • Nos centros sociocomunitarios, centros cívicos, centros de convivencia, centros sociais e demais de natureza análoga non se pode sobrepasar o 30% da súa capacidade
  • Mortorios , máximo 10 persoas no interior e 25 no exterior, sexan ou non conviventes
  • Enterros, máximo 25 persoas, sexan ou non conviventes

Eventos ou reunións laborais, institucionais, académicas, profesionais, sindicais e administrativas,  e as actividades en centros universitarios, educativos, de formación poderanse desenvolver de forma presencial sempre que se adopten as medidas recollidas nos seus protocolos de funcionamento. En ningún caso se poderá superar o 30% da capacidade do local nin exceder o número de 75 persoas en lugares pechados e 150 ao aire libre

DECRETO 37/2021, do 4 de marzo, polo que se modifica o Decreto 31/2021, do 25 de febreiro, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facerlle fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

Máis información neste enlace á web do Sergas: Restricións concellos