O VI Slalom de Moeche xa comezou a andar cos preparativos e trámites da man de Escudería Moeche. A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, e mailo presidente da Asociación Automobilística Moeche, Moisés García, asinaron este pasado venres na Casa do Concello o convenio de colaboración entre o consistorio e a entidade para a organización do VI Slálom Concello de Moeche- Memorial Juan Carlos Sueiras– que unha vez máis percorrerá as rúas de San Ramón o vindeiro 28 de setembro. O acordo establece unha achega municipal de 3.000 euros para o evento, ademais de apoio loxístico e organizativo, como a habitual subministración do valado para todo o circuíto, a xestión de trofeos e da presenza de Protección Civil ou a cesión para ese día de espazos no propio Concello e na nave do Mercado.

O VI Slálom de Moeche- Memorial Juan Carlos Sueiras- terá lugar o sábado 28 de setembro e a Escudería Moeche leva xa ben tempo traballando arreo na organización e nos trámites que require un evento destas características. O feito de tratarse dunha proba automobilística e de discorrer por unha zona poboada esixe unha coidada organización e un amplo dispositivo humano, ademais da colaboración “de moitos veciños e veciñas” que botan unha man nos preparativos ou cedendo terreos como aparcadoiro.

O convenio asinado entre o Concello e a entidade organizadora do evento, a Escudería Moeche, establece unha achega de 3.000,00€, o que vén supor un incremento do 20% respecto dos pasados anos, contía aprobada nos orzamentos municipais de 2019. Ä marxe desta achega económica, o convenio establece a colaboración municipal coa achega de trofeos, o uso de espazos necesarios no recinto feiral e a xestión da presenza de membros de diferentes agrupacións de Protección Civil de concellos próximos ou a subministración de 200 valos de protección. Valados para os que o concello conta coa colaboración de Navantia e do Concello de San Sadurniño. Este concello colabora tamén coa pesenza da motobomba.

Nos vindeiros dias a Escudería Moeche irá dando a coñecer os detalles e as novidades desta VI edición, aínda que algúns xa os adiantaron, como a modificación do trazado do circuíto e un detalle especial, a dedicatoria desta edicion a Juan Carlos Sueiras, traballador municipal que axudou e colaborou coa Escudería desde o primeiro Slálom de Moeche.