Van xa polo terceiro ano  as asembleas veciñais. Durante o mes de novembro terán lugar en todas as parroquias as asembleas veciñais de cara á elaboración do Orzamento municipal do 2018.

Nelas a veciñanza pode  presentar as súas propostas de investimentos para encaixalas no Orzamento do Concello de 2018. Pistas que  precisan un repaso, iluminación pública, servizos que se poderían mellorar novos servizos ...  mais tamén maneiras de optimizar  recursos e calquera outra idea que faga de Moeche un lugar mellor para vivir.

Para que as asembleas sexan produtivas, desde o Concello recoméndase  presentar asuntos que sexan de competencia municipal, que estean localizados en Moeche e que teñan un custe aproximado  asumible polo Concello.  No orzamento municipal incluiranse aquelas achegas que obteñan unha maior valoración, é dicir, aquelas que beneficien a  un número máis elevado de persoas, as que satisfagan necesidades básicas, as que alcancen ou poidan alcanzar a máis  dunha parroquia, as que impliquen á veciñanza na súa execución, as que sirvan para aforrar cartos ou enerxía ou aquelas que  busquen axudarlle aos colectivos máis desfavorecidos.

Nas asembleas veciñais pode participar calquera persoa empadroada no concello ou que teña unha relación directa de tipo social, laboral ou empresarial con Moeche

A raíz  das asembleas veciñais dos dous anos anteriores, os orzamentos municipais incluíron   a pavimentación das  vías e mellora da rede viaria  proposta pola veciñanza, novos tramos de saneamento no Empalme ou en Abade, o acondicionamento dalgún local social en colaboración cos veciños, a localización de colectores do lixo, melloras na seguridade viaria,  novas sinalizacións, etc.

Días atrás distribuíuse polas casas o novo número do Andaina, o boletín municipal informativo,  no que se anunciaban as xuntanzas, que  terán lugar nos locais sociais ás 20.00 h

San Xurxo, luns 13 no local do Pereiro.

Abade, mércores 15 no local social (Trieiro)

San Xoán, xoves 16 na Casa do Concello.

Labacengos, luns 20 no local social do Ventoeiro.

Santa Cruz,  martes 21 no antigo local electoral.