Os concellos de Moeche, Cerdido, San Sadurniño e Valdoviño teñen aberto até o 15 de maio o prazo para preinscribirse no primeiro curso que se ofrecerá no centro de transformación A Fusquenlla. A finalidade desta acción formativa, de 63h de duración teórica e práctica, é ensinarlles ás persoas participantes como funciona todo o equipamento dispoñible para o procesado hortofrutícola, de cara a que poidan ir empezando a traballar nas instalacións. Só se ofrecen 15 prazas e para cubrilas daráselle prioridade ás persoas que teñan vinculación co sector primario e un interese real en utilizar o novo centro de transformación agroalimentaria. O espazo A Fusquenlla está integrado na rede de traballo colaborativo da Deputación da Coruña, quen tamén financia este curso mediante a sinatura dun convenio, no que se inclúe así mesmo o acopañamento e asesoramento durante un ano. No segundo semestre do ano programarase outro, en colaboración nese caso coa Consellaría do Medio Rural.

O curso que ten aberto neste intre o prazo de solicitude centrarase exclusivamente na transformación de produtos hortofrutícolas e impartirase en oito módulos. En conxunto suman 63 horas de teoría e práctica sobre  seguridade hixiénico-sanitaria e  uso correcto das instalacións e os equipos, co obxectivo de poder elaborar produtos atendendo aos requisitos legais establecidos. Os temas que se tratarán son os seguintes:

    • Hixiene e manipulación de alimentos. (15h)
    • Limpeza e desinfección do espazo de traballo. (6h)
    • Prevención de riscos laborais específicos do sector. (9h)
    • Manexo do equipamento e instalacións. (6h)
    • Manexo de ferramentas informáticas para a produción de conservas. (6h)
    • Trazabilidade. Documentación e cumprimento de normas. (6h)
    • Elaboración de custos do uso das instalacións. (3h)
    • Transformación de produtos hortofrutícolas. (12h)

Os módulos serán dinámicos e participativos, impartidos en xornadas de 3 ou 4 horas preferentemente presenciais, se ben algunha das partes máis teóricas, como a de prevención de riscos, poderá seguirse a través dunha plataforma de formación. As datas e horarios adaptaranse ás necesidades e á dispoñibilidade da maior parte das persoas participantes.

A formación vai estar dirixida única e exclusivamente ás persoas verdadeiramente interesadas en facer uso das instalacións do Centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla. Por esta razón daráselle prioridade a aquelas  que desenvolvan as súas actividades nos sectores agrario e alimentario, e que teñan unha clara vinculación co mundo rural.

Para este primeiro curso gratuíto ofértanse un máximo de 15 prazas e esixirase das persoas participantes o compromiso de asistir polo menos ao 90% das horas de cada módulo. Tamén será necesario que superen con suficiencia todos e cada un dos apartados formativos para poder ser admitidas despois como usuarias ou usuarios da Fusquenlla. Se houbese máis solicitudes crearíase unha lista que se terá en conta para o curso que se prevé realizar no segundo semestre do ano.

As preinscricións hai que facelas a través deste formulario dispoñible na web do proxecto, onde tamén se atopa información ampliada sobre o contido do curso e sobre as instalacións, situadas no recinto feiral de San Ramón, en Moeche.

Deputación Coruña

Iniciativa pioneira e referente para o territorio do proxecto de xeoparque
A Fusquenlla é un centro de apoio ao desenvolvemento rural orientado á transformación alimentaria de produtos do agro. No proxecto están implicados os concellos  de Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño, que contaron con axuda do Programa Leader-Seitura 22, da Deputación da Coruña e da Consellaría do Medio Rural.

Trátase dun espazo para a elaboración de conservas vexetais de horta e froita, cogomelos, zumes, marmeladas, mel, etc., onde as pequenas explotacións e particulares poderán procesar as súas colleitas, xa sexa para autoconsumo ou para dárlle saída aos excedentes.

O centro pretende axudar deste modo a complementar as economías familiares e a xerar oportunidades de desenvolvemento local, sendo ademais referente formativo e da posta en valor dos produtos da terra dentro do territorio que aspira á declaración de Xeoparque Mundial da UNESCO.

De feito, A Fusquenlla é un dos principais proxectos relacionados co desenvolvemento sostible que amparan a candidatura, poñendo o foco na elaboración de alimentos de alto valor engadido e calidade orientados tanto a circuítos de proximidade como a outros máis afastados.

Ademais agárdase que no caso de obter o recoñecemento internacional,  o distintivo “Xeoparque do Cabo Ortegal” poida identificar a produción saída da Fusquenlla como aval de orixe, calidade e sostenibilidade ambiental e social.