O Concello xa ten practicamente pechado o programa da sexta edición da Feira das Fabas, que terá lugar na Nave do Mercado de Moeche o sábado 15 de outubro. O evento pretende poñer en valor este cultivo tradicional tan importante no pasado para a nosa economía e, sobre todo, mostrar as posibilidades que ofrece a súa recuperación para atender os mercados de proximidade. Durante a xornada haberá moita faba da zona á venda, ademais de variedades procedentes doutras partes de Galicia e do Estado. Pero tamén será un día no que conseguir produto de calidade a bo prezo e de gozar con outras actividades paralelas.

Por ser sábado e día de apertura do mercado, no recinto atoparemos alimentos frescos e elaborados, artesanía e outros artigos, compartindo espazo coa protagonista principal. Confirmaron asistencia Fabas Sanjurjo, A Castrexa, Terras de Lourenzá e Fabas O Castelo, ademais de postos de manufacturas, larpeiradas, coiro e madeira. Ademais tamén haberá unha degustación de conservas e zumes do Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla.

A feira comezará ás 10:00h e prolongarase até as 17:30h, hora na que está previsto sacar unha foto de grupo con todas as mulleres presentes como xeito de celebrarmos o “Día Internacional da Muller Rural” (tamén o 15 de outubro), co que a UNESCO reivindica este ano o papel da muller como sostedora da produción de alimentos.

Durante toda a xornada teremos, ademais, estoutras propostas:
11:30h Apertura do circuíto de educación viaria para a rapazada
12:30h Concurso infantil de busca do tesouro (inscricións na propia feira)
12:30h Comezo da degustación de fabada elaborada pola AVV de Labacengos, que servirá racións ben cumpridas a prezos populares
13:30h Primeiro sorteo de lotes de produtos da feira. As papeletas entregaránnolas con cada compra que fagamos e despois deberemos depositalas na urna situada na entrada da nave
16:00h Concursos de debagado de fabas para persoas adultas e cativería, con premios en ambas categorías
16:30h Espectáculo familiar de clown e escapismo “A Vida tola”
17:30h Foto “As mulleres do rural” diante da Nave do Mercado, seguida do sorteo do segundo lote de produtos, ademais da rifa de cadansúa cesta entre as nenas e nenos e persoas adultas que participasen no concurso de debagar.

En novembro, protagonismo para os froitos do outono
Un mes despois da Feira das Fabas, o sábado 19 de novembro,  a AVV Val de Moeche e o Concello dedicaranlle  un monográfico ás castañas e os cogomelos,  produtos cunha alta demanda no outono e moi abundantes na nosa zona.

A asociación veciñal leva anos promocionando a micoloxía con saídas de campo e mostras centradas na diferenciación entre especies comestibles e velenosas, así como no coñecemento das que teñen un alto valor gastronómico.

No Mercado haberá desde as 10:30h unha exposición con distintas variedades de cogomelos que se dan en Moeche e ás 12:00h comezará un obradoiro de cociña con eles como ingredientes principais. Poderemos apuntarnos no taller o mesmo día entre as 10 e as 11:30h. Antes do remate da xornada actuará o grupo de Cantos de Taberna de Moeche.