Con motivo do 28 de xuño, Día da Diversidade Sexual, o Concello de Moeche fai parte da campaña da Deputación da Coruña “Liberdade de ser e sentir!”, co obxectivo de sensibilizar sobre a importancia da tolerancia e a igualdade das persoas independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero. Neste senso desde a área de Igualdade organizáronse unhas xornadas sobre “Conexión Segura”, o primeiro este xoves dirixidos aos alumnos do CEIP San Ramón e o segundo o vindeiro 21 de xuño dirixido ás familias, dous obradoiros de prevención das ciberviolencias machistas, fomento da igualdade e eliminación dos estereotipos na rede.

Esta mañá os alumnos de 5º e 6º do CEIP San Ramón traballaron arreo nun obradoiro sobre o bo uso das redes sociais da man de Raquel, educadora de Atalaia Social. Nesta xornada traballaron diferentes dinámicas grupais, sobre o xénero nas redes sociais, os estereotipos e a visión online dos corpos,  as condutas de risco nas redes e as ciberviolencias, a construción do bo trato nas relacións sociais dentro e fóra da rede, amais de diversos consellos para o bo uso das redes sociais.

Este obradoiro buscaba crear coa rapazada un espazo de reflexión crítica e diálogo onde abordar aspectos relacionados coas ciberviolencias dende unha perspectiva integral, coñecer os estereotipos de xénero que reproduce a vida online e afecta á construción da sexualidade e aceptación do corpo, compartir a mirada do bo uso das redes e aplicacións dixitais e ao mesmo tempo promover o autocoñecemento, proporcionando elementos para apreciar e respectar a propia persoa e ás demais e capacitar ao alumnado para identificar as situacións de ciberviolencia e saber como actuar ante elas.

OBRADOIRO PRESENCIAL PARA FAMILIAS
O obradoiro para familias será o vindeiro luns 21 de xuño, de 17:30 a 19:30 no Francisco Piñeiro e nel amais de comentar os contidos e as impresións acerca das dinámicas traballadas coa rapazada de 5º-6º de primaria, trataranse temas referentes ao acompañamento emocional no uso das novas tecnoloxías, a identidade e seguridade dixital, o uso saudable e as potencialidades das TRIC (Tecnoloxías da Relación, a Información e a Comunicación) así como a igualdade e bo trato na vida offline e online.

Posteriormente aos obradoiros tanto co alumnado como coas familias, desde Atalaia elaborarán un pequeno documento onde se recollan as ideas fundamentais sobre os temas tratados, así como unha serie de recomendacións para as familias acerca do acompañamento seguro e igualitario no uso das TRIC.

RECORDATORIO CAMPAÑA 8M 2021: AS IMPRESCINDIBLES
Todos os que participástedes o pasado marzo na campaña organizada nas redes co gallo do Día Internacional da Muller lembrade que podedes recoller as bolsas co logotipo da campaña na Casa do Concello.

Todas estas actividades, e o material promocional están financiados a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.