O Concello de Moeche, desde a Concellería de Turismo, ofrece no mes setembro – do 10 ao 30 de setembro- a exposición A moeda galega nos últimos séculos da Idade Media.

A exposición achégase ao castelo coa xenerosa colaboración das responsables dos Fondos da colección do Grupo Numismático de Moeda Galega, Antón Rey Saá, Daniel Casal Fernández, Antolín Zapirain Fernández e Víctor García Almeida. Visitaron a fortaleza o pasado domingo 28 de setembro, acompañados da alcaldesa , Beatriz Bascoy, para amosarnos os segredos destas e outras moedas galegas de valor histórico incalculable.

Este período, coñecido como a Baixa Idade Media, representa un momento de crise social, económica e política, que no caso galego culmina coas Revoltas Irmandiñas e o colapso da era medieval, o que deixa o seu reflexo nos usos e acuñacións de numerario. Falamos así da época na que a moeda comeza a percorrer o rural para a venda de excedentes agrícolas e gandeiros e o abandono da autarquía feudal, pero falamos tamén de dous xeitos de concebir o antigo Reino de Galicia: Burgueses e xente das cidades e do litoral, por un lado, apostaban máis por unha aproximación a Portugal por ter en común a súa saída ao Atlántico e as posibilidades comerciais que ofrecía; certos sectores da nobreza e, sobre todo, a igrexa, por outro, crían nunha unión con Castela que reforzara os seus intereses e o seu poder sobre o territorio.

Esta exposición, en palabras da concelleira de Turismo, Isabel Lois, ofrece “un atractivo máis para visitar o Castelo, especialmente agora que vai rematando a tempada de maior afluencia, e ao tempo, coñecer mellor aquela época tan convulsa”

A exposición da moeda galega no Castelo permite comprender como na Galicia daquela época, a moeda non só foi un obxecto do comercio, se non tamén propagandístico de quen debía gobernar en terras galegas. Estas e máis cuestións sobre a economía, o comercio e o poder na Galicia baixomedieval son tratadas nesta exposición que, baixo o nome “A moeda galega na Baixa Idade Media”, se pode visitar no castelo de Moeche

Charla sobre a moeda galega

A exposición compleméntase cunha charla a cargo do Grupo Numismático de Moeda Galega que terá lugar o domingo 28 de setembro, ás 12.30h, para ofrecer maior información sobre este período da nosa historia e unha oportunidade para indagar e informarse de calquera cuestión en torno ao obxecto da exposición.