O castelo de Moeche vai reducir os seus horarios de visita durante o mes de outubro só ás fins de semana e festivos entre as 11:30 e as 14:30h e as 16:00 e as 18:30h. O motivo son os preparativos dos traballos que comezarán en novembro para renovar a sinalización e os contidos expositivos do Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas que, ademais, tamén cumprirá a función de centro de recepción de visitantes do Proxecto de Xeoparque de Cabo Ortegal. Durante o mes que entra manteranse estes horarios para non interferir no acopio de materiais e outras cuestións que serán necesarias como paso previo ao inicio das obras. Porén, a partir do 2 de novembro a fortaleza permanecerá pechada temporalmente, agardando poder reabrila -se todo vai sobre o previsto- para finais de febreiro ou comezos de marzo.
O proxecto que se vai levar a cabo de maneira inminente é resultado dun convenio subscrito entre o Concello e a Deputación da Coruña, co obxectivo de potenciar o castelo de Moeche como recurso turístico comarcal e provincial. O investimento está cuantificado en 62.500 euros, IVE incluído, que se financiará cunha achega provincial de 50.000 euros (o 80% da base impoñible) mentres que o consistorio asumirá os algo máis de 12.500 euros correspondentes ao 20% restante e o custe do valor engadido.
A memoria valorada presentada polo Concello á Deputación contempla principalmente a reelaboración dos contidos -novas imaxes e textos, códigos QR e audioguías- de cara a incorporarlles os avances que se produciron nos últimos anos na investigación e reinterpretación histórica dos tempos en que o castelo estaba no seu apoxeo.
O proxecto tamén abrangue o cambio da sinalización e a renovación completa do Centro de Interpretación das Revolucións Irmandiñas desmontando os elementos expositivos previos para cambialos por outros novos. Aproveitarase, ademais, para reparar a madeira e para dotar o espazo de información relativa ao Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal, co obxectivo de convertelo en centro de recepción de visitantes para toda a zona sur do proxecto.
Peche do castelo o día 2 de novembro
O Concello xa solicitou e recibiu os orzamentos correspondentes para levar adiante as obras, que se contan adxudicar na próxima Xunta de Goberno Local. Delas ocuparanse distintas empresas especializadas -algunhas delas de Moeche- que previsiblemente comezarán a facer a retirada de materiais e acopio de todo o necesario desde finais da semana que vén. Por esta razón, o castelo de Moeche reducirá horarios durante todo outubro -abrirá só fins de semana e festivos de 11:30 a 14:30 e de 16:00 a 18:30h- e pechará as súas portas o día 2 de novembro.
A intención municipal é que poida retomar a actividade a finais de febreiro ou comezos de marzo. Tal e como explicou Beatriz Bascoy, a intervención “é a máis importante que se vai executar no castelo nos últimos 15 anos” e que, por este motivo, o Concello decidiu levala a cabo “durante os meses de menor afluencia de visitantes”.
Últimos comentarios