A área municipal de Turismo acaba de publicar os datos de visitantes do castelo de Moeche durante o ano que acaba de rematar. Uns datos que volven confirmar a fortaleza de San Xurxo como o principal atractivo do noso municipio -con permiso das feiras de mes e da do 23 de abril-, acentuado trala renovación dos contidos expositivos do Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas. Segundo o cómputo anual, en 2023 percorreron as estancias do castelo un total de 5.032 persoas, case mil máis que o ano anterior e moi preto do récord de 5.197 rexistradas en 2021. Os meses do verán, de xuño a setembro, volveron ser os de máxima afluencia de visitantes.
A estatística de 2023 é a primeira que se ten dunha temporada completa desde a pandemia, xa que cabe recordar que durante boa parte de 2020 o castelo estivo pechado e que a apertura en 2021 se retrasou até o mes de abril. Ademais, en 2022 o inmoble adiantou dous meses o período de mantemento, aproveitando novembro e decembro para levar a cabo a remodelación do Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas, na que se investiron 62.500 euros financiados pola Sección de Turismo da Deputación da Coruña e o Concello.
Segundo Beatriz Bascoy, a actualización dos contidos do centro de interpretación “foi determinante” para que o castelo volvese superar as 5.000 visitas. “No centro atopamos novos paneis cun relato moito máis visual e detallado do que foron as revoltas Irmandiñas, xunto co papel que representou o noso castelo nunha historia de Galicia que aínda está por contar”. “Ademais tamén se creou unha parte específica do Xeoparque do Cabo Ortegal, convertendo o castelo de Moeche no principal centro de recepción de visitantes da banda sur do novo territorio recoñecido en maio pola UNESCO”, engade a alcaldesa apuntando que “todo suma” para seguir mantendo o castelo “no top do turismo da comarca”.
De marzo a xullo, a fortaleza medieval rexistrou exactamente 2.600 visitas, practicamente a metade do total anual. Porén, agosto foi o mes de maior afluencia, con 1.319 entradas, “debido seguramente a que é o mes predilecto das vacacións e o mes no que máis xente visita a nosa comarca”, explica a alcaldesa, “pero tamén polo tirón do Festival Irmandiño”.
De cara a explicar os “bos resultados” de público do castelo de Moeche durante 2023, o Goberno local tamén pon en valor outros eventos programados nas instalacións, como o programa Castelo de Sons, a mostra fotográfica “Capturando a Natureza” que puido visitarse en agosto, ou a exposición “Cartas de Amor” do mes de outubro.
Apertura en marzo
Como é habitual, o castelo pecha durante as primeiras semanas do ano e volverá abrir en marzo. Este tempo aprovéitase para efectuar traballos de limpeza xeral e pequenas intervencións de conservación.
A alcaldesa destaca a colaboración da Deputación da Coruña, quen ademais de financiar en 2023 a renovación expositiva do Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas, tamén achega 15.000 euros ao ano para a contratación do técnico que atende ás persoas visitantes, máis outros 12.000 destinados á contratación do técnico de Turismo.
Últimos comentarios