Tralo parón de principios de ano para facer traballos de mantemento, o castelo de Moeche e o Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas volverán acoller visitantes a partir deste sábado 19 de marzo cos seus horarios habituais de primavera: os sábados, domingos e festivos de 11.00 a 18.00h e os mércores, xoves e venres de 15.30 a 18.00h. As instalacións xa contarán desde esta fin de semana co técnico contratado – ao abeiro da subvención outorgada pola Deputación da Coruña- para atención ao público e para a realización de percorridos guiados no Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas, cos que descubrir a relevancia arquitectónica e a trascendencia histórica da fortaleza. Trátase dun inicio de curso no que se agarda superar a cifra récord de 5.207 visitas de 2021, pero tamén o arranque dun ano que traerá importantes melloras para o coñecemento do espazo, como son o proxecto de sinalización turística dos principais elementos do territorio -entre eles o castelo- e o plan para renovar os contidos expositivos do inmoble con financiamento da Área de Turismo da Deputación da Coruña.
O castelo de Moeche contabilizou en 2021 un total de 5.207 visitantes. Unha marca histórica que superou nun 80% a cifra de 2020. Cómpre sinalar, iso si, que o ano 2020 foi o máis duro da pandemia, algo que se deixou notar nun considerable descenso de público con respecto a 2019. Con todo, a fortaleza rematou o ano pasado cun crecemento próximo ao 45% con respecto ao seu mellor rexistro pre-covid.
Agora, nunha situación próxima ao que poderiamos chamar “nova normalidade” (aínda que a praga segue aí e hai que seguir coidándose), o castelo abre novo ciclo coa expectativa de seguir reivindicándose como polo turístico imprescindible do norte de Galicia e un dos referentes fundamentais para descubrir a convulsión revolucionaria do século XV, un dos capítulos menos coñecidos da nosa historia. E faino con varios proxectos no horizonte.
Un deles é o de actualizar os seus contidos para facilitar a comprensión da relevancia que tivo no contexto das revolucións Irmandiñas. Neste sentido preténdense renovar paneis de cara a ofrecer unha visión coherente coas recentes investigacións tanto deses episodios como do contexto histórico galego. Ademais tamén se queren implantar novos xeitos de visualizar e acceder á información sobre o espazo, apostando pola tecnoloxía de realidade aumentada e polo contido virtual, moito máis doado de actualizar que os soportes físicos e tamén moito máis atraente para quen se achega ao castelo co obxectivo de vivir unha experiencia única.
Nesta iniciativa lévase traballando varios meses e arestora estanse ultimando os detalles dun convenio coa Área de Turismo da Deputación da Coruña, cuantificado en 62.500 euros.
Por outra banda, o Concello tamén preparou un proxecto co que agarda obter fondos da convocatoria lanzada pola Xunta de Galicia para a mellora de infraestruturas turísticas. Nese caso o investimento previsto supera os 29.000 euros, destinados a instalar dous tótems de benvida ao municipio, sinais indicadores para facilitar a chegada ao castelo e os paneis interpretativos que se prevén colocar no arranque da senda dos Muíños do Río Loureiro, no conxunto artístico formado polo castelo, a igrexa e o cruceiro de San Xurxo e tamén no camiño de acceso a Mina Piquito, un dos principais recursos xeoturísticos de Moeche e do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal.
Horarios e prezos
Alén destas intevencións que dun xeito ou doutro contribúen a enxalzar o potencial turístico do castelo e, por extensión, de todo o concello, o Goberno local tamén quere afianzar o papel da fortaleza como espazo expositivo e de dinamización cultural. Por iso, de cara aos próximos meses está preparando un completo calendario de mostras e outras actividades coincidentes con datas sinaladas, entre as que destaca a do Festival Irmandiño. Unha cita que, previsiblemente, recuperará o seu formato habitual neste 2022.
Porén, o inminente é a reapertura do castelo a partir deste sábado 19 de marzo, Día do Pai e escusa perfecta para vir pasar o día a Moeche. Os horarios de atención son os seguintes:
- Sábados, domingos e festivos: de 11.00 a 18.00h
- Mércores, xoves e venres: de 15.30 a 18.00h
- Luns e martes, pechado por descanso do persoal agás que cadre festivo. Nese caso abriría de 11.30 a 18.00h e pecharía o seguinte día laborable.
No tocante ao prezo das entradas, a ordenanza reguladora actualizada establece as seguintes contías:
- Gratis para persoas empadroadas en Moeche (con tarxeta de acceso en vigor), para menores de 6 anos e para grupos escolares do CEIP San Ramón
- 1,50€ para persoas maiores de 65 anos e rapazada de 6 a 16 anos. Tamén para membros de familias numerosas e para grupos de alumnado de centros de fóra de Moeche (por persoa)
- 2,50€ para persoas maiores de 16 anos
- 3,00€ por persoa para visitas guiadas en grupo dirixidas por profesional, previa reserva
O castelo poderá visitarse con entrada de balde na xornada principal do Festival Irmandiño e noutros eventos que programe o Concello dentro das instalacións.
Últimos comentarios