O Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas de Moeche entra no Sistema galego de centros museísticos. O Consello da Xunta aprobou hoxe a solicitude  do Concello de Moeche e a correspondente cualificación como centro de interpretación do patrimonio cultural, un dos seis desta categoría no sistema, que suma xa 101 equipamentos. A proposta do Goberno municipal foi aprobada en sesión plenaria e hoxe acada o seu fin con este recoñecemento.
O Consello da Xunta de Galicia aprobou hoxe o acordo polo que se crea e cualifica o Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas, situado no Castelo de Moeche como centro de interpretación do patrimonio cultural. Con esta decisión, o equipamento pasa a formar parte do Sistema galego de centros museísticos.
O Consello da Xunta de Galicia valora a divulgación dun período relevante para a historia de Galicia, o Plan museolóxico ofrecido polo centro así como a alternativa para coñecer o interior do documento e o feito de ser un centro de dinamización cultural da contorna.
A rede gaña así o seu equipamento número 101. O de Moeche convértese nun dos seis centros de interpretación do patrimonio cultural do sistema, que integra tamén 71 museos e 24 coleccións museográficas.
O centro ocupa o interior do Castelo de Moeche, fortaleza do século XV declarada Ben de Interese Cultural, propiedade da Casa de Alba e xestionada polo Concello. O seu discurso céntrase nas revoltas irmandiñas en Galicia e nos acontecementos vencellados á fortaleza e ofrécese nunha  amena exposición –  cofinanciada pola Deputación da Coruña e o Concello-.
O plan museolóxico inclúe mapas, maquetas, pantallas e paneis explicativos sobre a historia e a evolución do castelo, as revoltas irmandiñas e os seus principais protagonistas. O espazo complétase cunha zona de exposicións temporais e outra dedicada á contorna e ao Xeoparque Cabo Ortegal.