Xa vos adiantabamos o pasado domingo que a rapazada do Consello Local da Infancia estaba traballando arreo estes días e que nos ían ofrecer novidades, e así é. Para a conmemoración do 20 de novembro o grupo decidiu centrar os seus esforzos en traballar para concienciar á veciñanza de Moeche sobre a importancia de actuar fronte ao cambio climático e para a preservación dun medio ambiente limpo e coidado, porque como nos din eles, “o futuro do planeta é o noso futuro!”.

Neste sentido o grupo pon en marcha o concurso fotográfico “Mirade o máis preto de vós” no que cada participante deberá subir dúas fotografías, unha sobre un exemplo de contaminación e outra, nunha versión positiva, da natureza coidada.

Estas fotografías deberán enviarse a correo@moeche.gal entre o 4 de novembro ás 12:00 horas e o 13 de novembro ás 14:00 horas, no correo as fotografías deberán ir acompañadas dun pequeno texto para concienciar as persoas do que está sucedendo.

O xurado do concurso será a propia rapazada do CLIA, que deberá decidir o 14 de novembro. As fotografías premiadas serán impresas para a súa exposición na Casa do Concello. A mellor fotografía levará de premio un lote de queixos de Moeche. A segunda persoa clasificada levará un par de entradas para o castelo e a terceira clasificada, un diploma de recoñecemento.

Aquí vos deixamos as bases do concurso: BASES CONCURSO CLIA