O Concello manterá aberto do 9 ao 18 de xuño o prazo de solicitude do campamento de conciliación Sementeira que se vai desenvolver durante os meses de xullo e agosto. Nel poderán anotarse nenas e nenos con idades entre os 3 e os 12 anos -con preferencia para o alumnado do CEIP San Ramón- ata completar o máximo de 30 prazas ofertadas. Durante as mañás gozarán dunha chea de xogos e actividades educativas tendo como punto de referencia o Pavillón Municipal, aínda que a rapazada tamén fará saídas a outros lugares e contará con máis propostas e máis variadas para encherlles o tempo de lecer.
Sementeira estrutúrase en dúas quendas, unha durante o mes de xullo e outra ao longo do mes de agosto, divididas á súa vez en dous horarios de mañá de luns a venres: de 8.00 a 15.00h -horario ampliado– e de 10.00 a 14.00h.
Para cada mes hai dispoñibles un máximo de 30 vacantes, que se cubrirán, en primeiro lugar, atendendo á data de rexistro da solicitude. Se houbese máis peticións que prazas, o Concello daralle prioridade ao alumnado do CEIP San Ramón, logo ás familias con algún membro empadroado en Moeche e, en terceiro lugar, a familias nas que algún membro teña vinculación laboral no municipio. En calquera dos casos anteriores tamén se lles dará preferencia ás solicitudes do horario ampliado, onde hai 8 prazas dispoñibles. Para este ano 2025, Sementeira contempla, para as familias con máis necesidade de conciliación, a posibilidade de contar co servizo nos días festivos, 25 de xullo e 15 agosto, así como os dous últimos sábados de cada mes (26 de xullo e 30 de agosto), co requisito de que se reúnan un mínimo de 10 solicitudes. Estes períodos pagaranse por separado da cota de inscrición.
Os nenos e nenas que entren máis cedo terán xogos e obradoiros de lectura ata as dez da mañá, cando se incorpore a totalidade de participantes e comecen as actividades conxuntas. O punto de encontro é o pavillón polideportivo de San Ramón, onde se concentrarán boa parte das propostas matutinas, aínda que tamén haberá saídas ao recinto de San Ramón, ao circuíto de educación viaria, á aula informática da Casa do Concello, á área recreativa e a piscina de Souto Grande, ao castelo, etc.
Por outra banda, a rapazada tamén gozará da tradicional festa de fin de campamento que, como cada ano, contará con algunha actividade sorpresa.
Formularios e documentación
As familias que queiran inscribir as súas pequenas ou pequenos deberán entregar no Concello ou rexistrar na Sede Electrónica municipal a documentación requirida, que pode descargarse nas ligazóns que hai máis abaixo. O prazo de inscrición no Campamento Sementeira 2025 para o mes de xullo permanecerá aberto entre o 9 e o 18 de xuño, ambos días incluídos.
Os formularios son a folla de inscrición -que deberá ir acompañada do DNI da persoa solicitante e tamén da persoa ou persoas autorizadas para recoller a rapazada-, a ficha médica onde se fan constar datos esenciais para o coidado (alerxias, intolerancias, algún tratamento…), e, por último, a folla de autorización referida a datos de carácter persoal, autorización para saídas ou actividades acuáticas.
Prezos
Os prezos, que sairon publicados hoxe no BOP, están fixados en 90€ para o horario ampliado e en 80€ para quen entre hora e media máis tarde. Tamén se publican os prezos para os días festivos e sábados, que se pagarán por separado, fixados en 25€ por día. As tarifas redúcense progresivamente a partir do segundo irmán ou irmá que acuda ao campamento.
Só poderán efectuar o pagamento da praza as familias de nenos ou nenas matriculadas no CEIP San Ramón e as familias que figuren empadroadas no Concello, dado que son as que teñen preferencia. Neste primeiro prazo tamén poderán reservar para o mes de agosto pagando os dous meses.
Unha vez rematado o prazo de matrícula confirmaráselles a praza ás familias sen empadroamento para que fagan o ingreso do importe correspondente. As prazas para a quenda de agosto do Sementeira poderán solicitalas entre o 15 e o 23 de xullo.
Ficha de solicitude de inscrición – DESCARGAR EN FORMATO EDITABLE | DESCARGAR EN PDF
Folla médica – DESCARGAR EN FORMATO EDITABLE | DESCARGAR EN PDF
Folla de autorizacións – DESCARGAR EN FORMATO EDITABLE | DESCARGAR EN PDF
Descargar bases e información do programa
Esta actividade financiase a través do Programa Plan Corresponsables no ámbito local (SI436A) da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia.
Últimos comentarios