Os xornais de hoxe publican ampla información sobre o programa PEL-Reactiva da Deputación da Coruña, ao que o ente provincial destinará 10 millóns de euros coa finalidade de apoiar economicamente a persoas autónomas e microempresas que viron mermados os seus ingresos -e tamén incrementados os seus gastos- por causa da crise sanitaria. Os fondos distribuiranse en forma de subvencións xestionadas directamente polos concellos que, en conxunto, achegarán outros 2,5 millóns de cofinanciamento. Neste sentido, Moeche disporá de 18.074,05€ para levar adiante a súa convocatoria e non deberá poñer a parte de achega municipal que lle tocaría -outros 4.500 euros-, dado que antes do verán xa impulsou unha liña semellante con recursos propios. En calquera caso, de cara ao tecido produtivo, o importante é que as empresas que cumpran os requisitos poderán obter axudas de entre 1.500 e 3.000 euros para sufragar gastos de adaptación ás novas circunstancias e tamén subministracións ás que deban facer fronte nun contexto de baixa xeralizada de ingresos. O prazo de solicitude -que se fará directamente no Concello- abrirá dentro duns días, tan pronto como se publiquen as bases do procedemento no Boletín Oficial da Provincia. Nese momento informarase a través desta web e tamén das redes sociais municipais.

O que si se pode ir avanzando xa é o contido do programa de subvencións, ao que poderán acollerse autónomas, autónomos e microempresas con domicilio fiscal en Moeche que tivesen que pechar durante o Estado de Alarma decretado en marzo, que visen reducida a súa facturación en máis dun 75% pola crise sanitaria ou que se acollesen a un ERTE polo mesmo motivo.

Segundo as liñas xerais do programa, as subvencións estarán entre os 1.500 euros como máximo para autónomos e autónomas sen persoal ao seu cargo e os 3.000 euros de tope aos que poderán optar as microempresas e persoas autónomas que teñan entre 6 e 9 persoas empregadas. A axuda non é fixa, senón que se sufragarán aqueles gastos -sen o ive- que se poidan xustificar ata o límite marcado para cada caso. Ademais será compatible coas xa concedidas polo Concello ou por outras administracións, aínda que de acordo coa normativa o importe conxunto das subvencións non poderá superar o gasto efectuado nin exceder a suma de 40.000 euros.

Entre os apartados subvencionables estarán os de adaptación e acondicionamento dos negocios para implantar medidas de seguridade: mamparas de protección, produtos hixiénicos e de limpeza, material antiséptico, etc., pero tamén arrendamentos -locais, maquinaria, vehículos- e gastos correntes como son a subministración de auga, luz, gas ou mesmo os seguros, entre outros.

O prazo de solicitude destas axudas por parte das microempresas e profesionais por conta propia iniciarase a partir do día seguinte ao da publicación no BOP da convocatoria específica de axudas, algo que seguramente se faga efectivo ao longo da próxima semana. En todo caso, o período de petición finalizará ás 12.00 h. do día 25 de novembro de 2020. Todas as solicitudes tramitaranse de xeito telemático a través do trámite específico da Sede electrónica – Solicitude de axudas PEL-Reactiva.