O contorno do centro cultural de Abade converteuse nos últimos tempos en epicentro da vida social e deportiva de Moeche. A pista de pádel, a cancha de tenis, o local veciñal e o novo centro sociocultural Francisco Piñeiro acollen unha intensa actividade e moito movemento de vehículos que, desde hai uns días, contan cunha zona de estacionamento completamente renovada. As obras, cifradas en algo máis de 7.000€, incluíronse dentro dun proxecto de pavimentación de varias vías municipais sufragado con cargo ao Plan Único de Concellos POS+ 2017.

O aparcadoiro vai paralelo á AC-862 aínda que a distinto nivel e con varias varandas de protección que impiden a caída accidental de vehículos sobre a calzada. Construíuse con zahorra compactada cunha superficie total de 475 m² na que se marcaron un total de 15 prazas en batería, separadas entre si por táboa tratada contra os efectos da intemperie.

Porén, antes de levar a cabo a preparación da superficie foi necesario retirar tres xogos infantís que a partir de agora quedarán situados nun dos laterais da pista de tenis. Ademais, as obras tamén se aproveitaron para soterrar o sistema de evacuación de augas pluviais do local social. A medida mellorará a drenaxe do novo espazo de estacionamento e evitará que a auga poida entrar no inmoble en momentos de chuvia intensa.

Tal e como sinalou Beatriz Bascoy, o acondicionamento do aparcadoiro de Abade “completa as obras de mellora dun dos recintos con máis uso do concello desde o punto de vista cultural e deportivo”. A alcaldesa lembra que o complexo sociocultural situado no lugar de Trieiro “é un referente veciñal e punto onde se concentra unha parte importante da programación municipal, sobre todo desde que o antigo edificio de protección civil se transformou no centro sociocultural Francisco Piñeiro, por iso era tan importante dotalo dunha área de estacionamento axeitada”.

As obras financiáronse con cargo ao POS+ 2017 e foron incluídas nun paquete de mellora da rede viaria municipal valorado en 65.000 euros. Algo máis de 7.000 euros deste orzamento total foron os que se destinaron ao aparcadoiro que, na práctica, tamén é un elemento de cohesión das catro instalacións do recinto: o local social, o centro cultural Francisco Piñeiro e as pistas de pádel e tenis.