O Concello recibiu esta semana o material de seguridade viaria-  bolardos, espellos, sinais-e 200 barreiras metálicas así como de plástico, que facilitarán o desenvolvemento dos diferentes eventos organizados polo Concello e entidades asociativas. A subministración foi licitada na Plataforma de Contratación do Sector público e adxudicouse por un total de 13.850,87€, IVE incluído   á empresa que presentou a mellor oferta, TOT CARRER S.L.  O investimento  está financiado no 100% cos fondos do Plan Único , POS+ Adicional 2025 , da Deputación da Coruña.

Moeche celebra diferentes eventos abertos ao público organizados polo Concello ou por entidades asociativas municipais, coas que o propio Concello colabora; carreira popular, feira do queixo, feira das fabas, mercado de Nadal, Festival Irmandiño, feira do 23 de abril, Slálom Concello de Moeche, Trail dos Irmandiños, circuíto de educación viaria.. En todos eles é necesario dispoñer de valos metálicos, nalgúns casos como o slálom ou o 23 de abril, nun número elevado, e en menor medida valos de plástico tipo New Jersey. Desde o Concello contouse coa colaboración de Navantia desde o ano 2016  e cando non puido ser, alugáronse.

É por iso que o Concello de Moeche dedicou unha parte do POS+ Adicional, da Deputación da Coruña, á adquisición de novos valos e barreiras New Jersey , co fin de dispoñer de material propio, aforrar en transporte ou alugamento cada ano e, por outro lado, facilitar as entidades asociativas a organización das actividades. Xunto coa subministración destes equipamentos, o Goberno municipal incluíu a adquisición doutros elementos para sinalización e balizamento a instalar en pistas municipais e no recinto feiral de San Ramón.

Moeche dispón con esta subministración de 200 unidades de valos peonís metálicos de 2,5 metros de lonxitude, destinados a garantir a seguridade e a correcta organización dos eventos deportivos e culturais , 30 unidades de barreiras New Jersey de polietileno para uso en exteriores, con bocas de entrada e saída para encher con auga, bolardos metálicos, varios sinais de tráfico e espellos convexos para exteriores.