A Xunta de Goberno Local celebrada o martes na Casa do Concello acordou adxudicarlle á empresa José No Mantiñán e Hijos Construcciones S.A. as obras de reposición de beirarrúas e formación dun novo tramo en Mil de Arriba, na parroquia de Abade. O contrato ascende a 70.180 euros, impostos incluídos, e con el preténdese mellorar a seguridade e a accesibilidade peonil ao longo de 320 metros que discorren neste núcleo en paralelo á estrada de Ortigueira. A intervención, que comezará previsiblemente antes de finais de mes, completarase coa canalización de pluviais e coa ampliación do saneamento. As obras fináncianse con cargo ao POS+ 2022 da Deputación da Coruña e, ademais, non serán as únicas á beira da AC-861, xa que o Concello tamén aprobou licitar o contrato para a renovación das beirarrúas en Mil de Abaixo, orzamentada nese caso en algo máis de 33.500 euros.

Tanto en Mil de Abaixo como en Mil de Arriba hai xa tramos de beirarrúa que, porén, padecen de numerosos problemas. Entre eles cóntanse a existencia de baldosas soltas, o nacemento de vexetación no medio delas, sumidoiros de pluviais que non cumpren ben coa súa función e, en xeral, mala accesibilidade para as persoas que pasan a diario pola zona, co engadido de que en Mil de Arriba hai unha parte importante do núcelo que nin sequera conta con infraestruturas peonís.

Por este motivo o Concello deseñou dous proxectos de obras que, a grandes trazos, se executarán cunha solución técnica moi similar, consistente en retirar os enlousados, refacer as beirarrúas -onde as hai- e aproveitar para cambiar as canalizacións de pluviais ao tempo que se engaden novas tubaxes do saneamento público.

A actuación adxudicada hoxe para Mil de Arriba en 70.180 euros, IVE incluído, suporá o estendido dunha nova superficie de formigón impreso -intercalada con aglomerado en certos puntos- ao longo de 320 metros, cun ancho que variará segundo o treito entre 1,5 e 1,8 metros de larganza. Ademais tamén será necesario modificar o sistema de drenaxe da auga da choiva e, ademais, na parte norte colocarase un novo colector do saneamento municipal que cubrirá unha distancia de 65 metros.

O Concello agarda asinar o contrato coa empresa nos próximos días, co obxectivo de que a obra poida estar iniciada cara ao mes de novembro e concluída nos primeiros compases de 2023. O prazo de execución proposto na oferta presentada pola licitadora é de 3 meses.

Mil de Abaixo
As obras de Mil de Arriba fináncianse con cargo ao Plan Adicional 02/2022, cuxos fondos foron confirmados pola Deputación da Coruña a mediados deste verán. O proxecto en Mil de Abaixo, por outra banda, incluíuse a principios de ano entre as actuacións acollidas ao POS+ 2022 e xa conta desde aquela con fondos provinciais comprometidos.

Na  Xunta de Goberno Local do 11 de outubro o Concello tamén aprobou o inicio do procedemento de contratación desta actuación cuantificada en 33.521,09 euros, impostos incluídos, que comprende a reparación de 205 metros de beirarrúas  pola marxe esquerda da AC-862 en sentido Ortigueira.