A Xunta de Goberno Local do Concello de Moeche acordou na súa última sesión adxudicar as obras de reparación de varias pistas e  municipais situados en Abade, San Xurxo e Labacengos. O importe final do contrato -do que se encargará José No Mantiñán e Hijos- ascende a 19.741,15 euros, ive incluído, que o Concello asumirá con recursos propios. O proxecto forma parte do programa anual de mantemento da rede viaria municipal e con el botaráselle unha nova capa de rodadura a cinco camiños, concretamente ao do Rañal, ao do Pumariño de Arriba e ao do Pumariño de Abaixo, pertencentes á parroquia de San Xurxo; ao camiño do Monte, en Abade, e a unha pista de acceso a varias vivendas en Labacengos. O prazo máximo de execución destas obras estímase en dous meses, aínda que todo apunta a que queden rematadas antes se o tempo acompaña.

O proxecto técnico describe a situación de partida de todos os camiños que se van reparar indicando actuacións distintas dependendo da situación actual en que se encontran. Así, no caso das pistas do Rañal, do Pumariño de Arriba e do Pumariño de Abaixo o traballo centrarase na limpeza superficial, no tapado de baches e na cobertura dos trazados cunha nova capa asfáltica mesturada con grava. Porén nestas dúas últimas vías o deseño fai algúns matices. E é que no Pumariño de Arriba, por tratarse dunha zona especialmente húmida, será necesario dárlle á pista un maior groso que asegure a súa conservación durante máis tempo, mentres que no Pumariño de Abaixo tanto o peralte do asfaltado como o acondicionamento das cunetas irá enfocado a mellorar a drenaxe das escorrentías.

Tamén hai matices nas outras dúas obras, as de reparación do camiño do Monte (Abade) e do acceso a un grupo de casas en Labacengos. A de Abade é literalmente un camiño de terra que agora se pavimentará, o que implica meter a pá para facer unha caixa sobre a que logo se estenderán as distintas capas de gravas que farán de soporte para o asfaltado final. Ademais, esta pista duns 100 m de lonxitude levará unha lixeira caída á esquerda ata a metade do percorrido e á dereita na outra metade, co obxectivo de bombear a auga da chuvia de maneira máis efectiva cara ás gabias.

Esa mesma solución técnica tamén se aplicará na obra de Labacengos nun tramo duns 25 metros que vai paralelo á liña do FEVE. Ademais, no acceso ás vivendas utilizarase formigón armado en vez de asfalto.  Ambos tipos de firme, así como as cotas e as cunetas que levarán concibíronse para traballar conxuntamente á hora de drenar as escorrentía alonxándoa das vivendas próximas.

Unha vez adxudicado o contrato agora as miradas están postas no ceo para ver cando veñen varios días seguidos de raiola que enxauguen a terra e permitan facer as obras en mellores condicións. E non tanto polo traballo en si, senón polo feito de que este tipo de reparacións viarias deben facerse con tempo enxoito para que o firme dure en bo estado o que ten que durar.