O Goberno municipal vén de resolver a concesión das axudas ao estudo e desprazamento e  ao equipamento informático- As axudas chegarán  a 56 solicitudes dun total de 58 peticións tramitadas. Destas 56 axudas aprobadas, 37 correspóndense coa liña de formación en centros públicos, 8 a gastos de transporte a mozos e mozas que estudan fóra e 11 á adquisición de equipamento informático, unha das novidades da convocatoria deste ano. As dúas  restantes foron denegadas por non cumprir os requisitos establecidos. Agora ábrese un período de alegacións e unha vez aprobadas definitivamente procederase a ingresar as  cantidades totais, que este ano foron incrementadas en todos os niveis –  con importes que nalgún caso chega aos 775€ por alumno-.

Na liña de formación, no nivel  de Educación Infantil, Primaria e ESO presentáronse un total de  30 solicitudes das que foron aprobadas 28 con contías entre os 100 e os 175€, dependendo das rendas da unidade familiar do alumnado beneficiario. Outorgáronse cinco axudas -entre 150 e 200 euros- para bacharelato e ciclos formativos e no caso de estudos superiores e universitarios asignáronse catro bolsas de 200 e 300 euros. O importe total que se fará efectivo en breve ascenderá a 6.300 euros.

A liña convocada polo Concello para colaborar nos gastos de desprazamento de todo aquel alumnado que tivese que trasladarse fóra de Moeche para proseguir cos seus estudos post obrigatorios resolveuse coa concesión do 100% das solicitudes presentadas. Así, do primeiro tramo das bolsas de transporte- ata 35 KMS-  beneficiáronse 4 alumnos e alumnas, que recibirán 150 € cada un . No tramo de 35 e 100 quilómetros  foron, catro as solicitudes presentadas ea probadas cunha asignación de 150 ou 250 € . A cantidade total desta partida foron 1.300 €

A nova liña deste ano, dirixida ao equipamento informático adquirido desde o primeiro estado de alarma, ten como obxectivo  axudar ás familias que cumpran os requisitos na adquisición de material que se fixo  imprescindible para o seguimento do curso académico.

Desde o Concello  iniciouse a colaboración neste eido coa adquisición o pasado curso de ordenadores para préstamo domiciliario a aquel alumnado que tiña dificultades para adquirilo ou ben   facilitouse a alta en liña de datos.

Neste apartado aprobáronse o total das axudas solicitadas, 11 en total,  con importes  no caso de ordenadores de ata 400 euros, no caso das tabletas , 175€  ou para impresoras de 100 euros. O importe total nesta liña foi de 3.024,89 euros.

As bolsas de estudo e as axudas para desprazamento e as de equipamento informático son compatibles entre si -e coas doutras administracións-, polo que nalgún caso en que se cumpren os requisitos o importe total chega aos 775 €. O importe total concedido ascende a 10.624,89 euros.

A comisión que avaliou o cumprimento das bases da convocatoria, tras o informe técnico correspondente, rexeitou dúas  solicitudes na liña de formación por non cumprir as condicións estipuladas nas bases -unha por superar os niveis de renda e outra por non cumprir os requisitos académicos: así mesmo , outras dúas solicitudes foron arquivadas por desistimento das persoas solicitantes.

Agora ábrese un período de cinco días alegacións e unha vez aprobadas definitivamente procederase a ingresar as cantidades totais, que este ano foron incrementadas en todos os niveis –  con importes que nalgún caso chegar aos 775€ por alumno

Todas as resolucións exporanse ao público no taboleiro de anuncios do concello e na páxina web e noitficaranse as  solicitudes denegadas. De non  haber alegacións,  a lista considerarase  definitiva e procederase ao pagamento.

Relación provisional de concesión das axudas en  materia de estudo, transporte e equipamento informático.

Bases reguladoras