O Boletín Oficial da Provincia deste luns 15 de xaneiro publicou as bases das axudas municipais para gastos de estudo e desprazamentos do alumnado de Moeche. O importe total que se distribuirá entre as solicitudes que cumpran os requisitos ascende a 15.000 euros. Dependendo do curso no que se teña matrícula, do nivel de renda per cápita da unidade familiar e, de ser o caso, da distancia á que se atope o centro de ensino, a axuda poderá chegar até os 650 euros por alumno ou alumna, o que supón un incremento de 100€ con respecto á convocatoria do ano pasado. O prazo de solicitude será de 20 días hábiles, que empezarán a contar unha vez que se publique o extracto das bases na web Sistema Nacional de Subvencións. Daquela hase avisar a través das redes sociais e tamén, de novo, desde a web municipal. Con todo, quen teña intención de pedir as axudas en materia de educación do Concello de Moeche, pode ir preparando xa o papeleo.
Un dato importante que se debe ter en conta é o de cales son os máximos de renda familiar que permiten acollerse á convocatoria. Nas bases establécense dous tramos de axuda: un para familias que non superen os 8.000 euros de renda per cápita e outro para aquelas familias que estean entre os 8.000 e os 10.000 euros de renda por cabeza, que é o tope máximo para poder beneficiarse das achegas municipais.
Para o actual curso escolar volve haber dúas liñas, compatibles con bolsas ou axudas similares concedidas por outras administracións. A primeira liña correspóndese coa das axudas para actividades relacionadas coa formación, dirixidas a alumnado matriculado no CEIP San Ramón ou que curse ESO, Bacharelato, FP, estudos universitarios -agás posgraos- ou mesmo ensinanzas superiores de tipo artístico en calquera centro público. A este apartado das bolsas tamén poderán acceder aquelas alumnas e alumnos con necesidades educativas especiais que deban acudir a un centro fóra de Moeche. Os importes das axudas van desde os 100 até os 350€, dependendo dos niveis de renda e dos estudos cursados:
AXUDAS RELACIONADAS COA FORMACIÓN |
||
Nivel de ensino |
Renda per cápita da familia inferior a 8.000€ |
Renda per cápita da familia entre 8.000 e 10.000€ |
Educación Infantil |
150€ |
100€ |
Educación Primaria |
200€ |
125€ |
ESO e PCPI |
200€ |
125€ |
Bacharelato e ciclos formativos |
250€ |
200€ |
Universidade e estudos superiores |
350€ |
200€ |
Educación especial |
200€ |
120€ |
A segunda liña son as axudas para desprazarse estudar fóra do municipio, cuxa concesión se relaciona tamén cos niveis de renda per cápita e coa distancia á que se encontre o centro de ensino. Se se cumpren os requisitos as axudas poderán ir dos 150 ata os 300€, tal e como se describe no seguinte cadro:
AXUDAS PARA DESPRAZAMENTOS POR RAZÓN DE ESTUDOS |
||
Distancia ao centro de ensino |
Renda per cápita da familia inferior a 8.000€ |
Renda per cápita da familia entre 8.000 e 10.000€ |
Ata 35 Km |
200€ |
150€ |
Máis de 35 Km e ata 100 Km |
250€ |
175€ |
Máis de 100 Km |
300€ |
225€ |
Ambas liñas de axuda municipais tamén son compatibles entre si, de modo que, por exemplo, unha rapaza ou rapaz que curse estudos universitarios a máis de 100 quilómetros de Moeche e que se axuste ao tramo de renda máis baixo, podería percibir ata 650 euros de axuda municipal, que veñen sendo 100€ máis que na convocatoria do ano pasado.
O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte á publicación do extracto da convocatoria na Base de Datos do Sistema Nacional de Subvencións. No momento en que se produza a publicación avisarase a través das redes sociais e da web municipais.
O trámite poderá facerse presencialmente nas oficinas municipais, a través da Sede Electrónica ou por calquera dos outros medios admitidos na normativa de relación coas Administracións públicas. Para calquera dúbida sobre as bases, os requisitos ou os prazos pódese chamar ao Concello -981 404 006- ou mandar unha mensaxe a correo@moeche.gal.
As bases completas e os anexos que haberá que presentar poden consultarse nesta ligazón.
Últimos comentarios