Este pasado venres tivo lugar a sinatura do convenio coa Asociación Automobilística Moeche para a colaboración no VII Slálom Concello de Moeche, o primeiro dos aprobados na última sesión ordinaria da Xunta de Goberno. A alcaldesa, Beatriz Bascoy Maceiras, e a vicepresidenta da Asociación, Marta María Sánchez Novo, rubricaron o convenio de colaboración que contempla unha axuda por importe de 3.000,00 euros, e outras colaboracións con material e persoal. As subvencións nominativas, recollidas previamente no orzamento xeral do exercicio 2022, suman un total de 15.500,00 euros,  aos que se engade a cantidade de 7.500,00 euros para a convocatoria de liña de axudas para outras entidades asociativas.

O convenio asinado coa Asociación Automobilística Moeche  establece unha axuda económica por 3.000,00 € e  a colaboración coa presenza de membros de Protección Civil, o servizo dunha motobomba, a xestión dos valos necesarios para o evento, cesión do uso de infraestruturas municipais e a adquisición de trofeos. A entidade recibirá o 50% do importe, 1.500,00 €, nestes primeiros días de xullo, como anticipo tras a sinatura do convenio.  O VII Slálom Concello de Moeche, puntuable para o campionato galego, terá lugar o 16 de xullo. Como todas as entidades asinantes de convenio, a asociación deberá presentar as facturas xustificativas dentro do prazo de xustificación dos gastos, isto é, ata o 30 de novembro.

A cantidade total dos convenios aprobados ascende a 15.500,00 euros que se destinan ao A.C.R.D Moeche, con 4.000,00 euros, para axuda do mantemento do campo de fútbol, á A C. Irmandiños, quen recibirá unha achega de 6.000,00 euros para a celebración do XLIII Festival Irmandiño e a Escola de Fútbol Irmandiños, 2.500,00 euros para o desenvolvemento das súas actividades de fútbol base. Todos os convenios  recollen colaboración con materiais, servizos ou uso de infraestruturas máis alá das contías económicas.

Convocatoria para outras entidades asociativas

Destínanse, así mesmo,7.500,00 euros para axudas a outras entidades e agrupacións asociativas mediante a correspondente convocatoria de subvencións. Como en convocatorias anteriores destes últimos anos, serán obxecto de subvención os gastos correntes de funcionamento, o desenvolvemento de actividades, organización de eventos culturais ou deportivos,  A convocatoria publicarase proximamente, unha vez resolta pola Deputación da Coruña a liña do programa de axudas Pel Concellos, que permitirá incluír na convocatoria municipal axudas específicas para as asociacións e comisións organizadoras de festas parroquiais.