A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy Maceiras, e o presidente da AC Irmandiños de Moeche, Alexandre Campos Saavedra, asinaron na tarde de onte, 14 de agosto, na Casa do Concello o convenio de colaboración entre as dúas entidades que supón unha achega económica municipal de 9.000 euros para a organización da 46ª edición do Festival Irmandiño. O evento celebrarase desde a noite do venres 22 até a tardiña do domingo 24, cun programa que ofrece múltiples actividades tanto no campón do Pereiro como na propia fortaleza medieval e un excelente cartel, coa volta ao Irmandiño das Tanxugueiras.
Tal e como se recolle no convenio, a achega económica deste ano ascende a 9.000 euros, co fin de colaborar nun festival de cumpre xa 46 anos. O orzamento municipal recolle o incremento desta partida para dar apoio a unha actividade que se aproxima aos 60.000,00 euros de orzamento.
A colaboración municipal vai máis aló do recollido no convenio, posto que tamén proporciona material loxístico -valados, colectores, etc.-, soporte persoal, coordina a axuda das agrupacións de Protección Civil de varios concellos da zona facilita que o castelo poida ser visitado de balde durante toda a xornada do sábado, día central do Irmandiño.
A asociación cultural asumirá a contratación dos grupos convidados este ano , excepto De Ninghures, contratado polo Concello a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña, de forma que a Deputación lle reintegra ao Concelllo un 75% do importe da contratación.
A asociación, así mesmo,encargarase de aspectos como a preparación e posterior limpeza do recinto e zonas de acampada, ;plan de prevención, do alugamento do escenario, luz e son; da subscrición dun seguro de responsabilidade; da publicidade e difusión do festival, instalación de baños de calquera outra cuestión organizativa que non apareza recollida no acordo.
Tres días de música e actividades paralelas
O XLVI Festival Irmandiño ofrece un programa variado con grupos musicais que , de seguro, atraerán moita xente a Moeche. O programa, dado a coñecer pola organización, está presidido pola música e por unha oferta ampla e variada de actividades.
Arranca a festa o venres 22 de agosto ás 21:30h coa repichoca popular no campo do festival á que están chamadas todas aquelas gaiteiras, pandeireteiros, acordeonistas, cantareiras e percusionistas que queiran sumarse á festa
O día grande do Festival Irmandiño, o sábado 23 de agosto, comezará ás 11:00h coa apertura do castelo con entrada libre. Ás 13:30h o campón do Pereiro será escenario dunha sesión vermú con picadiscos e, pola tarde, está previsto o asalto infantil ao castelo (17:00h) e o campionato de deportes rurais (18:00h).
Os grupos convidados na primeira parte da noite son Mediarea e De Ninghures¡ Sobre as 00:30h chegará a paréntese tan agardada do pregón e a continuacion As Tanxugueiras e Vimbio.
O domingo 24, última xornada do Irmandiño, a troula trasládase ao pé do castelo e ten como novidade o desenvolvemenot do Trail dos Irmandiños Castelo de Moeche. Despois do Trail,que comeza rá cedo, xa a partir das 13:30h haberá sesión vermú e un xantar campestre Na sobremesa, a partir das 16:30h, actuarán os grupos Parecetafolk e Lina e Lola.
O Festival Irmadiño conta coa diferentes colaboracións de entiades e empresas, nomeadamente a da Area de Cultura da Deputación da Coruña,17.872,33€ e a do Concello recollida no convenio, e co traballo da organización e persoas colaboradoras co fin de sacar adiante un festival de carácter gratuíto.
Novidade, Trail dos Irmandiños Castelo de Moeche
En paralelo co festival, este ano o Club 21Leguas súmase ao festival coa organización do Trail dos Irmandiños Castelo de Moeche, que pechou as inscricións o 14 de agosto e , en breve, ofrecerá os datos de número de participantes, horarios, etc.









Últimos comentarios