A poucos días do 25 de novembro, Día Internacional da eliminación das violencias contra das nenas e mulleres, o Concello ten xa definidos os eventos e accións coas que acentuar con motivo da data o chamamento que se fai todos os días para acabar con este grave problema social. Este venres suscribirase en Lugo o manifesto da campaña #enNegroContraasViolencias compartida por máis dun cento de municipios galegos e as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, ademais de por miles de empresas, entidades e particulares. Unha campaña que ten como seña de identidade a bandeira negra cun triángulo branco replicada en carteis, pegatinas e outros soportes de difusión.  O obxectivo é que a mensaxe se escoite ben alta e que chegue o máis lonxe posible para concienciar en contra de todos os tipos de maltrato que sufrimos/sofren as mulleres, sexan físicos, psicolóxicos ou discriminatorios por razón de xénero. Porén, a implicación de Moeche coa causa vai máis aló e por iso se programaron máis iniciativas nas que se quere implicar á rapazada da escola e tamén ao resto da veciñanza.

A concelleira de Igualdade, Cristina Rey, comenta que, alén destes xestos e campañas “todas e todos debemos ter conciencia de a violencia que se trata dun problema que afecta a toda a sociedade, e que cómpre afrontar desde a tolerancia cero. Por esa razón é importante que as vítimas denuncien e que as persoas do seu entorno as apoien. É fundamental que familiares e amizades creen un clima de seguridade e que ofrezan o seu apoio no camiño iniciado para rachar coa situación”. Rey insiste en que ante calquera episodio de maltrato “pódese recorrer á Garda Civil, á Traballadora Social do Concello ou chamar ao 016, un teléfono que non deixa rastro na factura aínda que si é necesario borralo do historial de números marcados do dispositivo desde o que se chame”.

Con todo, a área municipal de Igualdade considera que, ademais da atención e apoio ás vítimas, tamén é prioritario “centrar esforzos  na prevención, e isto só se consegue desde a educación e concienciación de todas e todos. Rematar cos prexuízos, os roles e estereotipos de xénero é un reto que como sociedade debemos asumir, para que algún día estas campañas deixen de ser necesarias”, comenta a concelleira.

Ese labor de concienciación acentúase nos días máis próximos ao 25 de novembro con actos específicos que en Moeche arrancarán o martes 26 coa lectura ás 11.30h. na Casa do Concello da declaración institucional coincidente co manifesto que se rubricará mañá no Centro Cultural Vello cárcere de Lugo con presenza de máis dun cento de representantes municipais e das deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra.

Ademais, no CEIP San Ramón desenvolverá unha xincana educativa coa que se buscan reforzar e fomentar a través do xogo os coñecementos ao redor da igualdade de xénero. O centro de ensino tamén ten en marcha un concurso de lemas a prol da igualdade e do rexeitamento das violencias machistas. Os premios do concurso entregaranse o martes xunto con material da campaña #enNegroContraasViolencias, dispoñible na casa consistorial tanto para a cativería como para o resto da veciñanza.

Curso de autoprotección no Centro Cultural Francisco Piñeiro
Canda estas accións, o Concello tamén programou para o 30 de novembro un curso de técnicas de autoprotección ante episodios violentos dirixido a mulleres. A sesión terá lugar no local social de Abade durante aproximadamente dúas horas e media, das 16.30 ás 19.00h. O tempo repartirase entre unha parte teórica e outra de exercicios prácticos. A sesión impartirana persoas con experiencia en autodefensa e cun fondo coñecemento sobre o “ciclo da violencia machista” que se replica case calcado en todos os casos de maltrato e que adoita dar sinais de alarma incluso antes de que se produza a primeira agresión física.

A actividade é totalmente gratuíta e ofrece 20 prazas. As inscricións deben facerse antes do venres 29 chamando ao Concello -981 404 006-, pasando pola oficina de Benestar Social ou mandando un correo electrónico a correo@moeche.gal.

O obradoiro de autoprotección conta con financiamento da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero auspiciado polo Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade.

logopresidencia             logoministerio             logopacto